“Unha rosa cada día, xogando con Rosalía”, de Carmen Domech, representarase ás 18:00 horas do venres no Centro Cultural Municipal Manuel Lamazares de Rodeiro e “A tarabela dos contos (Os sete aventurados)”, de Tarabela Creativa, ás 19:00 horas no Centro Cultural Antón Fraguas de Carballedo, en Cerdedo-Cotobade
Ambas pezas enmárcanse na primeira edición de +Escénicas, o circuíto que puxo en marcha a institución provincial por vez primeira o pasado ano e que está a espallar ata marzo unha completa programación de teatro e danza en 49 concellos da provincia
A Deputación acaba de activar a segunda edición desta iniciativa cun orzamento un 10% superior, chegando aos 195.000 €. Os concellos poderán solicitar espectáculos entre o 17 e o 31 de marzo
A Deputación de Pontevedra leva este venres 21 de febreiro ata Rodeiro e o sábado 22 ata Cerdedo-Cotobade o circuíto +Escénicas. “Unha rosa cada día, xogando con Rosalía”, de Carmen Domech, representarase ás 18:00 horas do venres no Centro Cultural Municipal Manuel Lamazares de Rodeiro, e “A tarabela dos contos (Os sete aventurados)”, de Tarabela Creativa, ás 19:00 horas no Centro Cultural Antón Fraguas de Carballedo, en Cerdedo-Cotobade. Ambos espectáculos enmárcanse na primeira edición de +Escénicas, o circuíto de artes escénicas que puxo en marcha por vez primeira o pasado ano a institución provincial e que está a espallar ata marzo unha completa programación de teatro e danza en 49 concellos da provincia, cun orzamento de 150.000 euros.
“Unha rosa cada día, xogando con Rosalía” trátase dun espectáculo de contacontos e títeres de 50 minutos dirixido ao público en xeral, a partir dos 2 anos de idade. Nel preténdese achegar as imaxes poéticas, o desfrute do ritmo da linguaxe, as danzas coas palabras e a fantasía da poesía a través de poemas ou fragmentos de Rosalía de Castro.
Pola súa banda “A tarabela dos contos (Os sete aventurados)” trátase dun espectáculo didáctico, educativo, participativo e divertido de 50 minutos de duración e dirixido ao público infantil e familiar. Nel a rapazada deberá soprar a un tempo para facer xirar a tarabela e, segundo en que aspa pare, escoitar un conto, unha adiviñanza ou un baile.
A Deputación de Pontevedra acaba de activar a segunda edición de +Escénicas, que contará cun orzamento de 195.000 €, un 10% máis que a primeira, para seguir dando resposta á demanda tanto do sector profesional como dos propios concellos. Neste eido, a cada concello correspóndelle unha achega máxima de 3.800 euros para financiar os espectáculos propostos e incluídos nun amplo catálogo de espectáculos de danza e teatro dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra. O prazo para que os concellos poidan solicitar algún dos espectáculos de +Escénicas abrirá o 17 de marzo, ata o 31 do mesmo mes, e estes deberán desenvolverse entre o 1 de abril e o 31 de marzo de 2026.