Máis de 300 ciclistas percorrerán a Ribeira Sacra na VI edición da Cycling Road

Redacción

A marcha cicloturista, de carácter non competitivo, celebrarase o 20 de setembro cun incremento de participación do 25 % con respecto ao ano anterior, demostrando o crecente interese e o gran atractivo que ten a Ribeira Sacra fóra de Galicia

O Parador de Santo Estevo acolleu hoxe a presentación da VI edición da Ribeira Sacra Cycling Road, unha marcha cicloturista de carácter non competitivo que se disputará o vindeiro domingo 20 de setembro, con saída ás 9.30 horas desde a localidade de Luíntra, no Concello de Nogueira de Ramuín.

O acto contou coa participación do presidente e a xerente do Inorde, Rosendo Fernández e Emma González; o alcalde e o concelleiro de Deportes de Nogueira de Ramuín, Julio Temes e Raúl Soto; o alcalde de Parada de Sil, Aquilino Domínguez; o director da Axencia de Turismo de Galicia, José Manuel Merelles; o director técnico da proba, Serafín Martínez; e o sarxento 1º da Garda Civil de Ourense, Francisco Javier Cabrera Morales.

Nesta sexta edición, a proba consolida o seu crecemento cun aumento do 25 % na participación con respecto ao ano anterior, superando os 300 ciclistas inscritos procedentes de 18 provincias españolas, tales como Madrid, Barcelona, Asturias, León, Sevilla ou Valencia. Este éxito de convocatoria reflicte o crecente interese e o gran atractivo que a Ribeira Sacra xera fóra de Galicia.

A proba ofrecerá dous percorridos adaptados a diferentes niveis: un gran fondo que é unha ruta máis esixente de 110 quilómetros cun desnivel positivo acumulado de aproximadamente 2.400 metros; e o medio / mini fondo de 90 km de traxecto cun desnivel positivo de arredor de 1.800 metros.

Este evento deportivo converteuse nunha oportunidade clave para dar visibilidade a Ourense, impulsando a promoción do patrimonio natural e cultural da zona, a súa gastronomía e a súa oferta enoturística entre os visitantes e acompañantes.

Comparte este artigo