• Pardo denuncia que dous anos despois de adquirir a parcela o goberno de Lores segue sen poñer en marcha o proxecto do novo edificio de emerxencias
• As concelleiras populares puideron comprobar durante a súa visita a actitude agresiva e ameazante da persoa que ocupa a nave municipal
A concelleira do Partido Popular de Pontevedra, Pepa Pardo, denuncia o estado de abandono e degradación no que se atopa a antiga nave de Fenosa, unha parcela de máis de 17.000 metros cadrados adquirida polo Concello de Pontevedra por 1,2 millóns de euros co obxectivo de construír nela o novo edificio municipal de emerxencias.
Pardo, acompañada pola concelleira Bea Rey, desprazouse esta semana ata a parcela para comprobar persoalmente o seu estado e reclamar ao Gobierno local que actúe tanto sobre o mantemento do patrimonio municipal como sobre os problemas de seguridade que se están producindo no inmoble.
“A data de hoxe, setembro de 2026, non hai noticias do edificio municipal de emerxencias. Do que si hai noticias é de incidentes e altercados ocorridos no interior desta parcela, nos que tiveron que intervir bombeiros e Policía Local e Nacional”, sinalou Pardo.
A edil popular lembra que o proxecto estaba destinado a concentrar neste espazo distintos servizos municipais de emerxencias, entre eles a Policía Local, os Bombeiros e o guindastre municipal, e lamenta que, dous anos despois de que o Concello se fixese cos terreos, non se materializase a nova infraestrutura.
“Certo que vai haber unha nova edificación, pero leva dous anos sendo de titularidade municipal e a degradación dos edificios cada vez vai a máis. Con iso, o investimento necesario para recuperalos será cada vez maior e acabará repercutindo no diñeiro de todos os pontevedreses”, afirmou.
Pardo tamén puxo o foco na situación de seguridade da parcela, que a día de hoxe atópase ocupada. Durante a visita realizada esta semana, as concelleiras populares puideron comprobar en primeira persoa a situación de inseguridade que se vive no inmoble e padeceron directamente a actitude agresiva e ameazante do individuo que reside na nave municipal, que chegou a encararse e ameazar ás edís.
“Pedímoslle ao Gobierno municipal e ao señor Lores que actúen dunha vez por todas, que coiden e atendan o patrimonio municipal e que, por suposto, vixíen máis a seguridade nas súas parcelas”, reclamou.
Os populares reclaman igualmente que se axilicen os trámites necesarios para levar a cabo a desocupación do inmoble, unha petición que xa trasladaron formalmente ao Concello a través dun escrito presentado por rexistro, ante os incidentes rexistrados no seu interior.
O PP preguntou expresamente ao Gobierno local o pasado 26 de agosto que actuacións levara a cabo ao respecto, sen recibir resposta ata o momento.
“Non tivemos resposta, pero puidemos comprobar que non se fixo absolutamente nada. Xa está ben, señor Lores. Os edificios municipais, que se pagan co diñeiro de todos os pontevedreses, non se poden deixar neste estado”, censurou Pardo.
Para rematar, Pepa Pardo subliñou que a seguridade “é unha cuestión que incumbe directamente ao Gobierno municipal” e reclamou a Lores que tome medidas de forma inmediata para garantir a seguridade na parcela, axilizar a súa desocupación e evitar que continúe deteriorándose un patrimonio que pertence a todos os pontevedreses.

