- A MAIORÍA DE EXPOSITORES DESTACARON NESTA EDICIÓN UN GRAN NIVEL NO PERFIL DOS VISITANTES POLA SÚA CAPACIDADE DE DECISIÓN NO PROCESO DE COMPRA, INCLUÍNDOSE ENTRE ELES RESPONSABLES DE DISTINTAS ADMINISTRACIÓNS, SERVIZOS DE EMERXENCIAS E CORPOS DE SEGURIDADE DO ESTADO E TAMÉN DE IMPORTANTES EMPRESAS DE DIVERSOS SECTORES
- ESTA TERCEIRA EDICIÓN MOSTROU DENDE O PASADO MÉRCOLES AS PROPOSTAS DE 387 FIRMAS, UN 71% MÁIS QUE NA ANTERIOR CITA
A III Feira Internacional de Seguridade, Defensa e Emerxencias, SEDEXPO 2025, pechou hoxe as súas portas na Feira Internacional de Galicia ABANCA tras converterse dende o pasado mércores nun escaparate tanto das innovacións nestes tres sectores sinérxicos como da labor e capacidades dos servizos de Emerxencias e as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.
Durante estes días o recinto recibiu a 3.346 visitantes. Asistentes que se corresponderon na súa inmensa maioría con profesionais dos sectores implicados procedentes de distintos puntos de España e Portugal e que puideron coñecer as propostas de 387 firmas de 38 países, un 71% máis que na pasada convocatoria, representadas por 99 expositores directos de oito países, un 19,2% máis. Ocuparon unha superficie neta de 4.016 metros cadrados, un 11% máis.
Estes expositores trasladaron de forma xeneralizada á organización a súa satisfacción polos resultados, especialmente porque constataron nesta edición unha “gran calidade” no perfil dos visitantes en canto á súa capacidade de decisión no proceso de compra, incluíndose entre eles responsables tanto de diversas Administracións e distintos servizos de emerxencias e Corpos de Seguridade do Estado como de importantes empresas de diversos sectores en busca de propostas en seguridade. Ademais, estes días visitaron a feira empresas que expresaron a súa intención de participar na próxima edición. Unha cita que, pola actual situación xeopolítica, cabe supoñer que teña un notable desenvolvemento e implicación por parte de todas as Administracións.
A feira contou co apoio dunha vintena de colectivos, entidades e departamentos da Xunta de Galicia e da Administración Central. Ademais de inaugurarse o evento coa participación do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia, Diego Calvo, e o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, Sedexpo contou coa presenza de distintos directores xerais da Xunta. Entre eles, acudiu os dous primeiros días o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, e hoxe estiveron presentes o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva; a directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao; quen repetiu visita, e o xerente da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), Marcos Araújo, presente todos os días do certame. Tamén o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, acudiu esta mañá á feira e ao acto de apertura do I Foro AJDSE da Seguridade Privada en Galicia, clausurado por Santiago Villanueva.
Un atractivo programa
O programa de Sedexpo 2025 destacou tanto pola categoría das súas xornadas como polas súas magníficas demostracións e simulacros. En canto ás primeiras, foron máis de trinta e incluíron 50 conferencias impartidas por un centenar de expertos.
Os dous primeiros días celebráronse xornadas de seguridade sobre temas como a rede de laboratorios e centros demostradores para a investigación e innovación en solucións de ciberseguridade en Galicia, desminado humanitario no Sáhara, futuro da seguridade privada, ciberseguridade ou operacións de loita contra o narcotráfico en espazos marítimos. En emerxencias analizáronse aspectos como a resposta ante a contaminación mariña accidental en Galicia: o plan Camgal e o servizo público de Gardacostas de Galicia, presentación do dispositivo enviado por Galicia na Dana de Valencia ou o work-shop e simposio Fire Res, centrados en “Interface Rural” e “Incendios forestais extremos”. Así mesmo, o sector aeroespacial e drons expuxo aspectos como o dron como resposta á ameaza terrorista ou drons e escoltas: futuro da protección persoal e a seguridade.
En canto ao día de hoxe, as conferencias abordaron aspectos como plans de emerxencias de encoros, comunicacións en situacións de emerxencia e tecnoloxía Es-Alert, a intervención en emerxencias mediante o emprego de medio non tripulado da Unidade de Drons da UME (Udrume), seguridade privada en Galicia ou Bfaero: o despegamento da Galicia aeroespacial.
Ademais das conferencias, outra dos sinais de identidade da feira foron novamente as demostracións. Varias delas centráronse en simuladores de emerxencias e evacuación para traballar a prevención activa do persoal aerotransportado e de prácticas extremas de alto estrés en tiro. Ademais, houbo obradoiros, como o de soporte vital básico e desfibrilación automática e exhibicións de sistemas de ciberseguridade, drons ou compostos de fibra que absorben derrames de hidrocarburos en auga e en terra.
Peche con dous magníficos simulacros
Sedexpo pechou hoxe con dous rechamantes simulacros. O primeiro deles, protagonizado pola Garda Civil, consistiu na resposta coordinada de varias unidades a unha ameaza terrorista con intervención de unidades como o GRS (Grupo de Reserva e Seguridade), a Agrupación de Tráfico, técnicos en desactivación de explosivos Tedax, Unidade de Helicópteros ou Grupo Cinolóxico cos seus cans.
O outro foi un simulacro multidisciplinar xestionado en Posto de Mando Avanzado (PMA) da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) mediante método GOM (Xestión Operativo de Mando) e presentación do sistema de dron cativo e comunicación multiplataforma desde PMA, organizado pola Xunta de Galicia.