HomePontevedraA humanización do Salgueiral só suprime seis prazas de aparcamento que incumpren...

A humanización do Salgueiral só suprime seis prazas de aparcamento que incumpren a normativa de tráfico

- Anuncio -spot_img

– A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, lamenta a confusión que se está creando aos veciños e comerciantes da zona onde se realizan obras de humanización. “Non vou consentir a desinformación que se está vertendo desde o PP. Non é certo que se eliminen un cento de prazas de aparcamento”, afirma Rivas.

– A humanización do Salgueiral só suprime seis prazas de aparcamento que incumpren a normativa de tráfico. Mantéñense os estacionamentos na zona comercial e o proxecto non afecta ao aparcadoiro situado baixo o viaduto.

– Os gobernos de Rivas crearon máis estacionamento público e gratuíto na vila, como o aparcadoiro disuasorio de Vilavella con 110 prazas, ademais doutras 20 no lateral do convento que non existían. A alcaldesa lembra que esta gran transformación do entorno da praza de Ponteareas realizouse “malia o voto en contra do grupo popular”.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, lamenta a confusión e o malestar creado aos veciños e comerciantes da zona do Salgueiral, onde se están a realizar obras de humanización. Os traballos supoñen unha nova urbanización nas rúas das Cardosas, Salgueiral e Ernestina Otero e “só van suprimir seis prazas de aparcamento na pasaxe peonil cara Vilavella que incumpren a normativa de tráfico”, aclara Rivas. A alcaldesa denuncia que non son certas as críticas ao proxecto que recollen os medios de comunicación onde se fala dun cento de prazas de aparcadoiro eliminadas.  O goberno local reitera que se manteñen os estacionamentos na zona comercial entre as rúas Salgueiral e Ernestina Otero. O proxecto tampouco  afecta ao aparcadoiro baixo o viaduto, tal como denuncia o PP.  Os traballos rematan na rotonda de Ernestina Otero co Paseo da Xunqueira e Prego de Montaos. Todos os detalles do proxecto xa se explicaron aos veciños e veciñas nunha charla informativa en setembro do ano pasado, antes de comezar as obras. Digna Rivas sinala que se actuou “con total transparencia” e que os membros do PP “non asistiron a esa charla informativa”.

Rivas critica esta “desinformación mal intencionada” por parte do grupo popular “que só busca crispar á veciñanza e crear malestar”. Lembra a alcaldesa que hai anos houbo unha proposta para eliminar o aparcadoiro baixo o viaduto por parte do goberno de Javier Bas despois dun concurso de ideas.

A alcaldesa sinala que o obxectivo desta actuación no Salgueiral é “a revitalización dun espazo público deteriorado e que é central na vida da vila”. As obras permitirán que esta zona sexa “máis amable e accesible para todas as persoas”. O proxecto de case un millón de euros, foi acordado no anterior mandato co plan da Deputación PON2030.

Máis aparcadoiro público e gratuíto

Desde a chegada ao goberno local de Rivas as prazas de aparcamento na vila, lonxe de diminuír, incrementáronse. O novo aparcadoiro de Vilavella puxo a disposición de veciñanza e visitantes 110 prazas, ademais do aumento de 20 estacionamentos máis no lateral do convento. A alcaldesa lembra que a reforma da praza de Ponteareas e a súa contorna mellorou a calidade de vida dos residentes da zona e do resto da vila, xa que se reduciu o tráfico no núcleo urbano. Este proxecto transformador da entrada de Redondela púxose en marcha “co voto en contra do grupo popular”, lembra Rivas.

Publicacións Relacionadas