A mellora urbana e ambiental chega ao barrio da Seca co cambio da iluminación, rozas periurbanas e obras nos espazos públicos

adminON
Lectura mínima de 3

Xaquín Moreda deu orde de trasladar á Seca o plan de mellora urbana e ambiental do que se xa se teñen  beneficiado outros barrios do concello.  

Substituíronse a led as 78 luminarias, fíxose un zafarrancho especial, rozáronse as parcelas perimetrais de  todo barrio chegando incluso até Tafisa, e estanse a facer traballos de construción coa reparación de  canles de augas pluviais, reposición de beirarrúas, eliminación de humidades, acondicionamento de  escavas. 

O departamento de Servizos Urbanos Básicos, que dirixe Xaquín Moreda trasladou nestas semanas o Plan de  mellora urbana e ambiental ao barrio da Seca. Este plan naceu neste mandato para materializar a prioridade  marcada polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores de manter en óptimas condicións de mantemento e  estado de conservación os espazos públicos.  

Xaquín Moreda decidiu trasladar ao barrio da Seca -dende a rúa da Seca até o barrio pasada a pasarela do  tren- esta mellora urbana e ambiental facendo unha supervisión integral dos espazos públicos e actuando  naqueles aspectos que precisaran unha mellora. Iluminación, limpeza, rozas e pavimentos, foi a prioridade  marcada.  

A actuación comezou cun zafarrancho de limpeza especial e integral de toda a zona, desratización incluída  como soe ser habitual nestas limpezas singulares. Ademais se realizou unha roza dos espazos periurbanos do  barrio chegando incluso a algunha parcela municipal situada nas proximidades da antiga Tafisa.  

Tamén se fixo unha renovación da iluminación do barrio. Substituíronse 78 luminarias por tecnoloxía led, e  reparáronse e cambiáronse pezas dos cadros eléctricos, ademais de limpar fustes e báculos. Esta actuación  tivo un custe de 16.924,21 euros -o resto da mellora do barrio realízase cos contratos de mantemento do  Concello de Pontevedra-.  

A última fase execútase nestes días coa reparación de beirarrúas, limpeza e reposicion de canles de augas  pluviais, formigonado dalgunha beirarrúa para evitar humidades nalgunha vivenda, acondiconamento de  escavas que estaban levantados polas raíces das árbores, e outras pequenas actuacións de construción que  pretenden devolver os espazos públicos do barrio a un estado óptimo de uso e goce da veciñanza.  

Este plan de mellora urbana e ambiental xa se realizou noutros barrios da cidade como en Estribela, a praza  das Regas, no ámbito da rúa Domingo de Andrade (en beiramar) ou no Campo da Torre.

Comparte este artigo