A piscina de San Eleuterio de Mos xa está aberta ao público para a tempada de verán

Redacción

A piscina municipal ao aire libre de San Eleuterio xa abriu hoxe as súas portas e permanecerá operativa durante os meses de xullo e agosto, ofrecendo un espazo de lecer, deporte e convivencia para toda a veciñanza.

A concelleira Felisa Rodríguez e o concelleiro Camilo Grandal, achegáronse ás instalacións para supervisar a posta a punto da piscina e comprobar que todo estivese preparado para o inicio da tempada estival.

O horario de baño libre é de 12.00 a 21.00 horas de luns a venres e de 12.00 a 20.00 horas os sábados, domingos e festivos. A piscina conta con servizo de socorrismo, vestiarios con duchas de auga quente e persoal de mantemento e limpeza ao longo de toda a tempada.

Ademais do uso libre da piscina, a instalación acolle durante as mañás sesións monitorizadas incluídas no programa municipal ‘Exercítate no verán’, que se imparten de 11.00 a 11.45 horas os martes e xoves ou ben os mércores e venres.

Trátase dun dos espazos máis concorridos do verán en Mos, especialmente polas familias do municipio, que cada ano fan uso diario destas instalacións para refrescarse e gozar do tempo libre.

Desde o Concello lémbrase que está habilitado un aparcadoiro na parte traseira da capela de San Eleuterio para facilitar o acceso ás instalacións. Deste xeito, solicítase a colaboración da cidadanía para evitar estacionar en zonas non permitidas, co fin de previr problemas de tráfico e garantir o acceso seguro á piscina e ás vivendas da contorna.

O Concello de Mos lembra tamén que continúan abertos os Parques da Auga da Pesqueira e de Sanguiñeda, operativos todos os días en horario de 12.00 a 14.00 horas pola mañá e de 16.00 a 21.00 horas pola tarde.

Comparte este artigo