– Pónse en marcha un movemento veciñal que incluirá desde mobilizacións ata recollida de firmas
– A Corporación Municipal mosense levará a aprobación ao Pleno do vindeiro día 30 unha moción conxunta de todos os grupos
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, mantivo hoxe sendas reunións cos voceiros da Corporación Municipal e veciñanza afectada respecto da nova autovía Vigo-Porriño.
Na Xunta de Voceiros estiveron presentes ademáis da rexedora local, o edil de Urbanismo, José Ramilo, o arquitecto municipal, Ramón Vega, o xurídico e técnico de administración xeral do Concello, Víctor Rodríguez, o portavoz do grupo de goberno, Leo Costas, e os voceiros de PSOE e BNG: en representación do Partido Socialista, Alejandro Figueroa, e o portavoz do Bloque Nacionalista, Gustavo Barcia. E durante a mesma a alcaldesa deu conta da problemática e do descoñecemento da modificación do trazado por parte de Transportes, xa que nas reunións mantidas co Ministerio nunca se comunicou tal cambio; ao contrario que sucedeu co Concello de Vigo, que sí tivo comunicación e información sobre o proceso e fixo as aportacións que estimou oportunas, obtendo un trazado prácticamente á carta do solicitado polo alcalde da cidade olívica.
“Con Mos non só non sucedeu o mesmo, senón que todo o contrario, derogaron o trazado aprobado en 2015 por Ana Pastor como Ministra de Fomento e que figura no noso PXOM, que era un trazado consensuado co municipio mosense, e sacaron da manga esta nova proposta devastadora para Mos”, declarou Arévalo.
É por elo que desde a Corporación Municipal estase a traballar nunha posible moción conxunta neste senso, que se levaría a aprobación na sesión plenaria ordinaria do vindeiro 30 de decembro. Será unha moción totalmente consensuada entre os tres grupos e, desde a Alcaldía, convidouse aos grupos da oposición a que participen de todas as reunións que se celebren coa veciñanza neste senso. Xa que ademáis, e dada a situación, reactívase a plataforma de afectados DefendeMos que encabezará e capitaneará esta causa, con todos os grupos políticos da localidade mosense ao seu carón.
Por outra banda a alcaldesa e os concelleiros das parroquias de Sanguiñeda, Petelos e Tameiga, José Ramilo, Laura Méndez e Feli Rodríguez, respectivamente; co apoio técnico do arquitecto Ramón Vega, reuníronse acto seguido con representantes veciñais das tres parroquias, incluídos antigos membros da Plataforma DefendeMos, para abordar este asunto que tanta alarma social está a xerar en Mos e coordinar o movemento veciñal a poñer en marcha a partir de agora, que incluirá desde mobilizacións ata recollida de firmas.
A partir de agora convocaranse novas xuntanzas coa veciñanza das parroquias: tanto de Sanguiñeda como de Petelos e Tameiga, todas elas celebraranse no Multiusos das Pozas.
Nidia Arévalo reiterou a esixencia por parte do Concello de Mos de “que se libere a peaxe do tramo Puxeiros-Porriño da AP-9 e que se recupere o trazado do proxecto en túnel que figura no PXOM mosense e insistiu en que o Concello presentará alegacións á nova proposta do proxecto en túnel da autovía Vigo-Porriño, xa que é notablemente agresiva para o territorio e aumenta gravemente a afección con respecto á anterior solución. A gratuidade da AP-9 é unha solución sinxela, inmediata e non lesiva para o territorio, ademáis de catro veces máis barata que o novo proxecto plantexado”. Concluiu a alcaldesa de Mos.