– Desde o pasado martes os camións que fan a recollida municipal do lixo non se lles permite descargar na Planta de Transferencia do Porriño, e única explicación que ofrecen é que “non teñen espazo para almacenar os residuos”. O concelleiro Roberto Villar advirte que, “ao non poder descargar os camións na planta, non se pode seguir facendo o baleirado dos colectores con regularidade”.
– Villar afirma que a Planta de Transferencia de Sogama “é obsoleta, e está en precario pola súa falta de capacidade”. O edil denuncia que a Xunta incrementou 300.000 euros ao ano na taxa de Sogama para Redondela “e o servizo é cada vez peor.”
A recollida dos residuos sólidos urbanos no municipio de Redondela está comprometida pola falta de capacidade de Sogama. O concelleiro de Infraestruturas e Sostibilidade, Roberto Villar, explica que o lixo que se recolle nos colectores é trasladado diariamente á Planta de Transferencia de Sogama no Porriño. Desde alí transpórtase logo por ferrocarril a Cerceda. Desde o pasado martes este servizo está a verse comprometido “porque os camións que fan a recollida municipal do lixo non se lles permite descargar no Porriño”, sinala Villar. A única explicación que ofrecen os operarios da Planta de Transferencia de Sogama a Urbaser (empresa concesionaria da recollida municipal), é que “non teñen espazo para almacenar o lixo”. O concelleiro advirte que, “ao non poder descargar os camións na planta, non se pode seguir facendo o baleirado dos colectores con regularidade”. O goberno local lamenta que desde Sogama “non se ten notificado nin ao Concello nin a Urbaser cal é o problema coa recollida” e tampouco se coñece que medidas van tomar para corrixir esta situación “que precisa unha solución urxente”.
Precariedade na planta de Sogama
O responsable municipal afirma que a situación da Planta de Transferencia de Sogama no Porriño “é precaria desde hai moito tempo pola súa falta de capacidade, e o funcionamento non é o correcto”. Villar denuncia que a Xunta de Galicia e Sogama “non están a prestar un bo servizo á cidadanía, as instalacións son obsoletas e non cumpren coa súa función na xestión dos residuos.” Villar denuncia que “o incremento da taxa de Sogama supón para o Concello case 300.000 euros máis ao ano, e o servizo é cada vez peor”. O edil esixe á Xunta de Galicia “que deixe de pelexar co Goberno Central por este asunto e que se poña a xestionar mellor os residuos”. Para Villar no se trata dun problema de tarifas “senón de eficacia na prestación do servizo”