A transformación do Mercado Municipal en Biblioteca Pública atrae o interese de arquitectas e arquitectos

adminON
Lectura mínima de 4
  • Éxito de participación de profesionais da arquitectura na visita organizada polo Concello de Ponteareas ao mercado municipal
  • Profesionais de toda Galicia e de fóra do noso territorio tomaron apuntes e gravaron arquivos audiovisuais para traballar no proxecto de transformación do mercado en biblioteca pública municipal

Éxito de participación de profesionais da arquitectura na visita organizada polo Concello de Ponteareas ao mercado municipal. Máis de vinte arquitectas e arquitectos visitaron xunto á concelleira de Urbanismo, Silvia Fernández, e o concelleiro de Comercio, Ricardo González, as instalacións e contorna do mercado para aproximarse á realidade do edificio e comezar a traballar nas súas propostas.

Profesionais de toda Galicia e de fóra do noso territorio tomaron apuntes e gravaron arquivos audiovisuais cos que logo traballarán para participar no concurso de proxectos con intervención de xurado para a rehabilitación do edificio do antigo mercado que se converterá na nova biblioteca municipal.

A alcaldesa, Nava Castro, amosa a súa satisfacción ante o alto interese que espertou o concurso e salienta a necesidade de traballar con profesionais que aporten coñecementos, creatividade e ilusión . Por este motivo e co obxectivo de executar unha obra ben pensada e que dea unha axeitada solución ás necesidades, o goberno de Ponteareas buscou a colaboración do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) para a redacción das bases e para formar parte do xurado.

A concelleira de Urbanismo traslada que “buscamos a excelencia na nosa xestión, apostamos por planificar e pensar ben cada acción coa intención de que cada investimento e recursos públicos sexan ben aproveitados. Por este motivo optamos por un concurso deseñado por expertos como o COAG, o maior referente en arquitectura de Galicia”.

O concurso desenvolverase en dúas fases. Explica a concelleira de Urbanismo, Silvia Fernández que, logo desta convocatoria aberta que vén de publicar a Plataforma de Contratación do Estado, iníciase  a primeira fase na que as e os profesionais participantes presentarán ideas. De entre todas as propostas presentadas o xurado escollerá cinco. Os autores serán convidados a participar na segunda fase na que desenvolverán un anteproxecto. De entre todas as propostas o xurado elexirá unha que resultará a gañadora e a adxudicataria do contrato de redacción do proxecto final e dirección de obra. O Concello entregará un total de 27.500€ en premios, sendo o primeiro premio de 10.000€; o segundo de 7.500€; o terceiro premio 5.000€; o primeiro accésit 2.500 € e o segundo accésit 2.500€. O prazo de presentación remata o vindeiro 18 de xullo de 2024 ás 14:00 horas.

O presidente decano do COAG, Luciano Alfaya, valora “moi positivamente” este concurso a realizar polo sistema de dúas fases que garante a calidade das propostas. “Pensamos que é o mellor proceso para facilitar que os concellos podan contar con propostas arquitectónicas de calidade. A primeira fase simplifica a documentación a presentar. A segunda garante a retribución económica do traballo das e dos arquitectos aós que se lles solicite desenvolver as suas ideas”.

Nava Castro valora moi positivamente este novo avance tan necesario para a cidadanía “temos moitas e moitos usuarios da biblioteca pública municipal que ofrece moitos servizos e que precisamos ampliar”.

Por último, Luciano Alfaya agradece ao Concello de Ponteareas a convocatoria do concurso e a confianza no COAG na elaboracion das bases, “algo que agardamos que se xeralice no conxunto de Galicia”.

Comparte este artigo