O Concello de Salvaterra de Miño ven de aprobar a solicitude que presentará á convocatoria do Plan Provincia Extraordinaria – Plan Extra da Deputación de Pontevedra. Esta convocatoria ten como obxectivo a colaboración naqueles proxectos estratéxicos para posibilitar a transformación, o desenvolvemento e a modernización reais do territorio.
Neste senso, a Xunta de Goberno aproba a solicitude de presentación do proxecto de recuperación do espazo da Capela de San Roque en Cabreira. Unha actuación cunha lonxitude de 135m e cun ancho variable entre os 4,50 e os 27 metros que dada as características da rúa, que serve de acceso á ermida e ó palco da música, proponse para a súa humanización, coa ampliación das zonas peonís e a redución do ancho da vía para o tránsito de vehículos, seguindo os criterios para a redacción de proxectos de mobilidade amable e recuperación de espazos públicos, REDE ÁGORA.
O proxecto que mistura pavimentos de lousa de pedra granítica en cor con formigón contempla a eliminación do pavimento bituminoso existente e a súa substitución polo pavimento de lousa e un eixo central de formigón gris cepillado, co obxectivo de priorizar o uso peonil, pero respectando en todo momento a entrada de vehículos as vivendas. Ademáis conleva a instalación de novas luminarias LED para a iluminación do entorno e proxectores específicos para a iluminación da capela e do palco da música, renovación de tubaxes e soterramento de liñas de telecomunicacións e baixa tensión. Esta actuación completarase coa colocación de mobiliario urbano composto por bancos e xardineiras.