O Concello licita por 1,21 millóns de euros a primeira obra dos 11 millóns de fondos europeos acadados, convertendo o espazo nun punto máis verde, fresco e confortable
A alcaldesa, Nava Castro, destacou que esta actuación permitirá dar resposta a unha das principais demandas dos veciños, dotando á Praza dunhas condicións moito máis agradables para desfrutala durante todo o ano
O Concello de Ponteareas acaba de sacar a licitación as obras de adecuación ambiental da Praza de Bugallal, cun orzamento de 1.210.000 euros (IVE incluído). Esta actuación permitirá transformar o emblemático espazo urbano nunha praza máis verde, dotada de amplas zonas de sombra e mellores condicións para o descanso e a convivencia. O proxecto busca dar resposta á falta de sombra e ás elevadas temperaturas estivais, facilitando o uso do espazo público durante as horas de maior calor mediante a instalación de catro grandes pérgolas de deseño orgánico e a plantación de novas árbores de copa ancha.
A intervención arquitectónica contempla estruturas con alturas de entre 4,5 e 5,5 metros que incorporarán iluminación LED integrada para adaptar o ambiente a diferentes celebracións. Así mesmo, substituiranse determinadas superficies de formigón por pavimentos naturais e drenantes, melloraranse as zonas axardinadas, renovarase a iluminación pública e instalaranse novos xogos infantís. O deseño planificouse de forma que se respecten os espazos necesarios para albergar as tradicións locais, garantindo a celebración do Corpus Christi, as procesións, as cabalgatas e outros eventos culturais.
A concelleira de Urbanismo e Medio Ambiente, Silvia Fernández Taboas, explica que o proxecto aposta por incrementar a presenza de elementos naturais e reducir o protagonismo do pavimento de formigón”. «Imos incorporar máis árbores, novas zonas verdes e materiais naturais que permitirán conseguir unha praza máis acolledora e ambientalmente máis confortable, especialmente durante os meses de maior calor», engade.
Pola súa banda, a alcaldesa, Nava Castro, destacou que «esta actuación permitirá dar resposta a unha das principais demandas dos veciños, que é dispoñer dunha praza con máis sombra, máis vexetación e unhas condicións moito máis agradables para desfrutala durante todo o ano».
A rexedora local incidiu en que «queremos que a Praza de Bugallal volva ser un espazo no que apeteza estar, pasear, sentarse e compartir momentos en familia. Con este proxecto imos transformar a súa imaxe e, sobre todo, a mellorar a súa funcionalidade e comodidade».
Feito histórico
Esta obra marca un feito histórico para o municipio ao ser a primeira actuación licitada dos 11 millóns de euros de fondos europeos conseguidos a través do programa EDIL, dentro do Plan de Actuación Integrado «Ponteareas, espazo sostible para crecer e vivir». O investimento global, que alcanza os 1.252.289,50 euros ao sumar os servizos técnicos, conta cun cofinanciamento repartido nun 60% polo fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) (726.000 euros), un 20% pola Deputación de Pontevedra (242.000 euros) e o 20% restante polo propio Concello (242.000 euros).
Nava Castro salientou que «conseguir 11 millóns de euros de fondos europeos foi un logro histórico para Ponteareas, pero o verdadeiramente importante é que eses recursos comecen a traducirse en obras e melloras reais para os nosos veciños. A Praza de Bugallal é a primeira das grandes actuacións que imos impulsar con estes fondos».
As empresas interesadas en executar os traballos, que contan cun prazo de execución de cinco meses, poderán presentar as súas ofertas a través da Plataforma de Contratación do Sector Público ata o próximo 2 de novembro de 2026 ás 23.59 horas.

