Centos de persoas participaron durante dous días nunha programación que encheu a Praza do Calvario de música, tradición, patrimonio e produto local
O son das gaitas, as mans dos cabaqueiros traballando o barro, os sabores da terra e unha Praza do Calvario chea de xente. O Rosal despediu as Festas do Outono do Pilar cun grande éxito de participación, tras dúas xornadas nas que centos de persoas gozaron dunha programación que reuniu música, gastronomía, tradicións e cultura popular. Unha celebración na que a veciñanza volveu ser protagonista e na que o patrimonio e a identidade rosaleira estiveron presentes en cada actividade.
Para a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, “sempre é un orgullo ver a enorme resposta da veciñanza, que se implica cada ano nestas festas que manteñen viva a nosa memoria colectiva”. A rexedora salientou que “as Festas do Outono do Pilar son moito máis ca unha celebración. Son unha oportunidade para reencontrarnos, compartir as nosas tradicións e recoñecer o traballo de tantas persoas e colectivos que contribúen a conservar e transmitir a nosa cultura”.
A música marcou o inicio das festas o domingo 11 co concertos de La orquestina de la abuela Pina e Tiruleque, que abriu unha programación que continuou cunha intensa xornada de luns cunha morea de actividades na Praza do Calvario. Un dos principais atractivos foi a V Feira de Produtos do Rosal, que volveu reunir a produtoras e produtores locais nun espazo de exposición, degustación e venda. A cita, que alcanza xa a súa quinta edición, permitiu ao público descubrir e saborear produtos de proximidade, coñecer de primeira man o traballo das persoas que están detrás deles e apoiar a economía local. A oferta gastronómica completouse con polbo e xamón, mentres que Castro y los Escoltas puxeron música a unha animada sesión vermú.
A tradición musical tamén tivo un lugar destacado coa celebración do VI Memorial Irmáns Flores, organizado pola Asociación de Gaiteiros da Xistra. Os grupos Os Terribles de Donas (Gondomar), Alxibeira (Narón) e Faíscas da Pontagra (Tordoia) levaron á praza o son das gaitas e da percusión, nun encontro que mantén vivo o recordo das antigas murgas rosaleiras e a súa vinculación coa cultura popular do municipio.
Outro dos momentos máis representativos das festas chegou coa demostración do traballo dos cabaqueiros, que volveron amosar ao público o proceso tradicional de elaboración de tellas. As súas mans e o seu saber facer converteron a Praza do Calvario nun espazo de transmisión dun oficio profundamente ligado á historia do Rosal, espertando a curiosidade de persoas de todas as idades.
A rapazada tamén tivo o seu espazo coa proposta de Barafunda, ‘O gran cabaqueiro de globos’, unha actividade colaborativa que reuniu a familias arredor dunha particular interpretación desta tradición. A programación completouse coas intervencións da banda da Agrupación Musical do Rosal (AMdOR) e da Coral Ecos do Folón e a exposición de pintura e cestería das alumnas de Águeda Suárez, que permitiu achegarse a outras expresións artísticas e artesanais.
A rexedora puxo en valor a capacidade destas festas para reunir xeracións arredor dun patrimonio compartido, “con tradicións seguen espertando interese entre a xente máis nova” e agradeceu a implicación de todas as persoas e colectivos que colaboraron na organización e desenvolvemento das actividades.

