Aberta a inscrición para os cursos de informática de verán gratuítos para nenos e nenas

Redacción

O Concello de Redondela anunciou a apertura do prazo de inscrición para os novos cursos de verán de “Informática para nen@s”. Estas actividades formativas gratuítas desenvolveranse na Aula CeMIT de Redondela durante o mes de xullo e están divididas en dous grupos de idade con prazas limitadas.

O Grupo 1, dirixido a menores de 7 a 8 anos, impartirase de luns a xoves en horario de 10:00 a 11:30 horas. A súa programación inclúe unha introdución a sistemas operativos (Linux e Windows 11), debuxo e mecanografía con ferramentas como Tux Paint e Tux Typing, xogos educativos na rede e o programa GCompris para potenciar o razoamento, a memoria e a comprensión lectora a través de crebacabezas e adiviñas.

Pola súa banda, o Grupo 2 está pensado para rapaces de 9 a 10 anos, tamén de luns a xoves pero en horario de 12:00 a 13:30 horas. Neste nivel avanzaranse en contidos como a xestión de ficheiros e cartafoles, creación de contidos ofimáticos con LibreOffice (Writer, Draw e Impress), edición multimedia (Photofancy e Collage) e pautas para unha navegación segura en Internet.

Todas as persoas interesadas en reservar unha praza de balde deben formalizar a solicitude a través dos rexistros habilitados do Concello. Para resolver calquera dúbida, a veciñanza ten á súa disposición o teléfono 986 400 300 e o enderezo electrónico novastecnoloxias@redondela.gal. Os cursos están impartidos pola concellería de Novas Tecnoloxías en colaboración coa Xunta de Galicia e a rede CeMIT.

Comparte este artigo