• O líder do PP esboza algunhas das propostas que formarán parte do seu programa electoral para “deseñar o que queremos que sexa Pontevedra dentro de 5, 10 e 20 anos: unha cidade mellor para vivir”
• Domínguez é a única alternativa para liderar unha nova etapa en 2027 e deixar atrás un “fin de ciclo” manifesto en ámbitos prioritarios para o PP como son a mobilidade e o tráfico, a vivenda, a limpeza, a seguridade ou os servizos sociais
O presidente e portavoz municipal do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, acompañado polas concelleiras Pepa Pardo e Silvia Junco, detallou este luns a súa intención de liderar un ambicioso proxecto para abrir Pontevedra á ría, o desenvolvemento dunha cidade deportiva cun pavillón multiusos para todas as disciplinas, a creación dunha gran biblioteca municipal, a recuperación e renovación da Alameda e o Parque das Palmeiras, culminar as obras da rúa Alemaña no barrio de Monte Porreiro e atraer a universidade ao centro coa conversión do Hospital Provincial.
Domínguez afirmou estar no seu mellor momento para liderar unha nova etapa en Pontevedra a partir das eleccións municipais de 2027, ao considerar que a cidade atravesa un “fin de ciclo” evidente en ámbitos prioritarios para o Partido Popular como son a mobilidade urbana e o tráfico, a vivenda, a limpeza urbana, a seguridade cidadá ou os servizos sociais.
Fronte a un modelo de cidade que, segundo o líder do PP, foi positivo nos primeiros mandatos de Miguel Anxo Fernández Lores pero que se quedou estancado nas políticas do pasado, Domínguez presentou unha visión moderna e próxima aos problemas reais da cidadanía para que Pontevedra sexa “universitaria, solidaria cos que máis o necesitan, máis segura, máis verde e máis preparada para deseñar, da man dos expertos na materia, unha capital de provincia con moito futuro e ambición para dentro de 5, 10 e 20 anos”.
Neste sentido, o dirixente popular insistiu na importancia de elaborar un novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), vixente desde o ano 1989, que permita planificar o crecemento de Pontevedra, axilizar as licenzas municipais e modernizar a xestión administrativa. En materia de vivenda, propuxo “aumentar a oferta residencial mediante novo chan urbanizable e a simplificación de trámites co apoio das Entidades de Certificación de Conformidade Municipal (ECCOM)”.
Respecto á mobilidade urbana, Domínguez mantén o seu compromiso de “reabrir Raíña Victoria tan pronto sexa alcalde” e adiantou a súa intención de crear 1.200 novas prazas de estacionamento público, fomentando o uso dos aparcamentos disuasorios e a ampliación das liñas de autobús urbano para conectar, de forma efectiva, as parroquias co núcleo urbano e cos principais puntos de interese da cidade. Así mesmo, avoga polo impulso dos carrís bici e a mellora das conexións ferroviarias e de transporte público con Vigo e o seu aeroporto.
A seguridade tamén é prioritaria para o vencedor das últimas eleccións. O seu compromiso é firme para reforzar os medios humanos e materiais da Policía Local, aumentar a presenza dos axentes a pé en zonas conflitivas, crear a nova comisaría e a implantación dunha Unidade de Prevención e Reacción (UPR). Medidas que serán efectivas ao mesmo tempo que se propón aumentar o persoal de traballadores sociais municipais e as subvencións a entidades e asociacións.
O deporte será outro eixo estratéxico do equipo de Domínguez que mantén un firme compromiso co deporte de base, priorizando a construción de novas instalacións, o incremento das axudas aos clubs e a gratuidade do uso dos recintos municipais. “Desde o Partido Popular imos apostar moi forte polos mozos. Alén dos valores que adquiren coa práctica deportiva, consideramos fundamental ofrecerlles a oportunidade de financiarlles estancias de tres semanas no Reino Unido para os alumnos de 3º e 4º da ESO”, comprometeuse.
No ámbito da cultura, alén da creación da biblioteca municipal, esixiu a reapertura inmediata do Museo das Torres Arcebispais (CITA, o único museo municipal da cidade que permanece pechado, a rehabilitación integral do Teatro Principal, despois do accidente no que cinco persoas resultaron feridas, e a atracción de grandes eventos de toda índole, tras ser o principal impulsor da recuperación da Bienal de Pontevedra.
Outros grandes proxectos, como a necesidade de impulsar a dragaxe do Lérez, foron defendidos durante a súa comparecencia, co obxectivo de ter unha ría máis saneada e máis produtiva. O mesmo espera do novo contrato do lixo e do servizo de recollida porta por porta, que o Partido Popular levou no seu programa electoral de 2019, e que o Goberno municipal por fin se decidiu a instaurar. Así mesmo, mantivo o seu compromiso de incrementar os investimentos en redes de saneamento para evitar que se sigan sucedendo episodios frecuentes de verteduras e inundacións, así como ampliar as zonas verdes, mellorar o mantemento dos parques infantís e plantar 1.200 árbores cun mantemento adecuado.
Para rematar, o líder do PP de Pontevedra lembrou a súa proposta de reducir o IBI un 10% e estudar outro tipo de rebaixas fiscais para empresas e autónomos, cun plan de apoio ao comercio local, e novas medidas para atraer investimentos e nómades dixitais. Tamén a súa aposta polo Camiño Portugués como un dos eixos principais da súa estratexia turística e promoción do patrimonio histórico e relixioso da cidade.
En definitiva, Domínguez avanzou algunhas das pinceladas do que será a súa estratexia política para convencer o electorado nas eleccións municipais de maio de 2027. Confiado de que sacará a maioría absoluta que necesita para gobernar, o político e médico finalizou a súa intervención cunha reflexión: “Quero ser alcalde porque quero moito á miña cidade. No Partido Popular deseñamos un ambicioso plan e ímolo a executar. Pontevedra debe mirar o futuro e deixar atrás os vicios do pasado que lle impiden avanzar”, concluíu.

