O Pleno aproba por unanimidade encargar ao ORAL a inspección dunha taxa que as empresas deben aboar por utilizar os espazos públicos coas súas redes e canalizacións.
O Pleno do Concello de Tomiño ven de aprobar a pasada semana, por unanimidade, delegar no ORAL a inspección da taxa que as compañías de subministración deben pagar por utilizar as vías municipais coas súas redes, cables e tubaxes. A medida permitirá comprobar que todas as empresas obrigadas a aboala o están facendo e que as cantidades que ingresan son as que lles corresponden.
O concelleiro de Facenda, Uxío Benítez, explica que a iniciativa busca defender os recursos municipais: «Estas compañías utilizan as nosas rúas e camiños para instalar as redes coas que desenvolven a súa actividade e teñen que pagar por ese uso. O que queremos é comprobar que todas cumpren e que o Concello recibe o que lle corresponde, porque eses cartos axudan a manter e mellorar os servizos que utilizamos toda a veciñanza».
Esta taxa é coñecida como taxa do 1,5 %, calcúlase sobre os ingresos brutos que as empresas obteñen pola súa facturación no municipio, nos termos establecidos pola normativa. O seu importe debe ser asumido polas propias compañías, sen que poidan trasladalo ás persoas usuarias dos servizos.
A decisión chega tras un traballo de revisión municipal no que se reuniu información de trinta empresas correspondente a 2026 e aos catro anos anteriores. Esta análise permitiu observar diferentes situacións e frecuencias na presentación das declaracións, polo que se considera necesario profundar nas comprobacións para determinar se as compañías están a declarar e pagar correctamente.
«É unha tarefa que require persoal especializado para revisar os datos das empresas e detectar se hai cantidades pendentes. A colaboración co ORAL danos máis medios para facelo e para reclamar, cando proceda, os cartos que deberían ter ingresado nas arcas municipais», sinala Benítez.
A delegación permitirá comprobar que empresas están obrigadas a aboar a taxa, contrastar a información que presentan e tramitar os cobros e as revisións que procedan. Con esta medida, o Concello reforza o control sobre unha obriga xa existente e busca garantir que o uso dos espazos públicos por parte das compañías se traduza nos ingresos que lle corresponden a Tomiño.

