“Alzhéimer de Preto” chega ao Porriño con información e apoio ás familias afectadas polo alzhéimer e outras demencias

adminON
Lectura mínima de 2

● O Centro Cultural acollerá estas sesións informativas os xoves 7 e 14 de novembro, de 16:30 a 18 h con entrada libre ata completar aforo

● Profesionais de AFAGA ofrecerán unha primeira aproximación á enfermidade e a súa evolución, pautas que poidan facilitarlle o día a día ás familias coidadoras, ademais de asesoramento sobre os recursos dispoñibles

Este xoves 7 de novembro chega ao Porriño a primeira das sesións informativas “Alzhéimer de preto” impulsada Federación Atlántica de Asociacións de Familiares de Persoas con Alzhéimer e outras Demencias (FADEAL) en colaboración coa Deputación de Pontevedra.
Trátase dunha charla informativa impartida por profesionais de AFAGA Alzhéimer, a psicóloga Alba López e a traballadora social Diana Rodríguez, dirixida principalmente a coidadores/as de persoas cunha demencia neurodexenerativa, pero tamén a persoas diagnosticadas en fase moi temperá, así como a calquera que teña inquedanza sobre esta enfermidade.
Na sesión ofrecerase unha primeira aproximación á enfermidade e a súa evolución, pautas que poida facilitarlle o día a día ás familias coidadoras, ademais de asesoramento sobre os recursos dispoñibles.
“Alzhéimer de preto” pretende romper as barreiras que moitas veces se atopan as persoas que viven no rural. E é que as cifras así o requiren. Na provincia de Pontevedra estímase que hai 18.629 persoas con alzhéimer ou outro tipo de demencia dexenerativa. Na actualidade, afecta ao 12,5% das persoas maiores de 65 anos e ao 31,25% das que superan os 85 anos.
No Porriño haberá dúas quendas. A primeira será este xoves 7 de novembro e a segunda o xoves 14 de novembro, ambos os días de 16:30 h a 18 :30 h no Centro Cultural Municipal. A entrada é libre ata completar aforo.

Comparte este artigo