Amparo e Delia Álvarez, 43 anos detrás da barra do bar Floro e toda unha vida facendo historia no Rosal

Redacción

As dúas irmáns foron as homenaxeadas rosaleiras no VI Foro da Muller Rural de Galicia Suroeste pola súa traxectoria á fronte dun negocio familiar que souberon reinventar

O Rosal cambiou moito nos últimos 43 anos, pero hai algo que permanece: Amparo e Delia detrás da barra do Bar Floro. Dúas irmás que regresaron da emigración, colleron o relevo do negocio familiar e acabaron convertendo o seu establecemento nun lugar de encontro para varias xeracións de rosaleiros e rosaleiras. A súa historia de traballo, perseveranza e capacidade de adaptación foi recoñecida este xoves no VI Foro da Muller Rural Galega de Galicia Suroeste, celebrado en Pazos de Borbén, onde recibiron a homenaxe en representación do concello do Rosal.

Coñecidas nos seus primeiros anos como «as alemás» pola súa procedencia, Amparo e Delia asumiron hai máis de catro décadas o negocio que rexentaba o seu pai, Floro. Fixérono nun momento no que os bares eran espazos frecuentados principalmente por homes e no que ver dúas mulleres á fronte dun establecemento hostaleiro aínda rompía cos costumes da época.

Desde aquela, foron testemuñas e protagonistas da evolución social do Rosal. Viron cambiar os hábitos, as formas de relacionarse e a propia maneira de entender a hostalaría. E souberon adaptarse a cada etapa, reinventando o negocio sen perder a súa identidade nin a proximidade coa clientela.

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, destacou que «a historia de Amparo e Delia é tamén unha maneira de contar a historia recente do noso concello. A través delas podemos ver como cambiou a sociedade, como as mulleres foron conquistando espazos que antes parecían reservados aos homes e como un pequeno negocio familiar pode converterse nun referente para todo un pobo».

A rexedora puxo en valor a súa capacidade de emprendemento e a constancia coa que mantiveron vivo o Bar Floro durante máis de catro décadas. «Cando chegaron, eran dúas mulleres novas, emigrantes retornadas, que se puxeron detrás dunha barra nun mundo moi diferente ao actual. Non só conseguiron sacar adiante o negocio, senón que souberon adaptarse aos cambios, superar dificultades e facer do seu traballo un exemplo de profesionalidade, independencia e empoderamento feminino», sinalou.

Unha traxectoria que tamén conserva unha importante dimensión familiar. As dúas irmás continuaron o camiño iniciado polo seu pai e fixeron medrar un establecemento que leva o seu nome. «Estou convencida de que Floro sentiría un enorme orgullo ao ver o que as súas fillas fixeron co negocio que el puxo en marcha. Amparo e Delia souberon respectar esa herdanza e, ao mesmo tempo, construír a súa propia historia», expresou a rexedora.

E se algo contribuíu tamén á popularidade do Bar Floro foi a súa cociña, especialmente uns bocadillos que forman parte da memoria gastronómica de moitas persoas da comarca. «No Rosal podemos presumir de ter algúns dos mellores bocadillos do Baixo Miño, e iso tamén é mérito delas», apuntou a alcaldesa.

Un recoñecemento ao traballo das mulleres do rural

O VI Foro da Muller Rural Galega reuniu a representantes institucionais e público de diferentes municipios nun acto xa consolidado como referente na visibilización e posta en valor do papel das mulleres no desenvolvemento social, económico e cultural do territorio.

Un dos momentos centrais da xornada foi a entrega dos recoñecementos ás trece mulleres distinguidas nesta edición polas súas traxectorias profesionais e persoais, exemplos do dinamismo e da diversidade do rural galego. Ao longo da gala proxectáronse diferentes pezas audiovisuais que permitiron coñecer as historias de vida das galardoadas e a súa contribución ao desenvolvemento das súas comunidades, xerando momentos de grande emoción e numerosos aplausos entre o público asistente.

Xunto co Delia e Amparo Álvarez foron recoñecidas Susana Garrido, cantante e compositora, por Fornelos de Montes; Lucía Torres, de Floristería Flor de Lis, por Gondomar; Flora Carrera, de Tapería Flora, por Mos; Loli Vicente, das Mulleres Rurais de Chandebrito, por Nigrán; Patricia Muñóz, de Amodo Turismo, por Oia; Carlota Simón, de Gandería GS, por Pazos de Borbén; Ana Sánchez, da empresa familiar Sánchez Álvarez, por Redondela; Paloma Romero, de Barbería L’Uomo, por Soutomaior; Reme Ortega, do Grupo Cultural San Roquiño, por Tomiño; e Hortensia Rodríguez, de Floristería La Flor, por Tui.

Outro dos momentos máis significativos foi a emotiva homenaxe a Carmen Tellado, veciña de Pazos de Borbén e histórica cociñeira do CEIP do municipio. Entre unha gran ovación do público, recibiu a escultura conmemorativa do foro, creada pola artista Liliya Pobornikova, como mostra de gratitude por toda unha vida dedicada ao servizo da comunidade educativa e do rural.

Coa celebración desta sexta edición, Galicia Suroeste reafirma a súa aposta por dar visibilidade ás mulleres que, co seu traballo diario, fan posible un medio rural máis dinámico, innovador e cheo de oportunidades, consolidando o Foro da Muller Rural Galega como unha cita de referencia para o conxunto do territorio.

Esta iniciativa desenvólvese no marco do Plan Estratéxico da Política Agraria Común (PEPAC) 2023-2027 a través da iniciativa LEADER, cofinanciada polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e a Xunta de Galicia, contribuíndo así a promover o desenvolvemento sostible do medio rural e a igualdade de oportunidades no territorio.

Comparte este artigo