- Volve o Mano de Santo DJ Festival e as agrupacións musicais do Porriño vístense de longo co 30º Aniversario da Coral Polifónica EMMUS e o décimo aniversario da Agrupación Musical do Porriño.
O Porriño, 1 de xuño de 2026. O Concello do Porriño presentou esta mañá a programación das Festas de San Bieito 2026, que se celebrarán os días 10, 11 e 12 de xullo, cun cartel que combina tradición, música e actividades para todas as idades.
Trátase dunha festa marcada pola devoción e cun forte arraigo no municipio, nunha das zonas máis antigas da vila que mantén viva a paixón por un dos santos máis milagreiros, especialmente en cuestións relacionadas coa pel, como as verrugas. Ademais, no Porriño existe unha tradición única que se repetirá este ano: a poxa das uvas. Acontece logo da misa e a tradicional procesión. É outro dos milagres do 11 de xullo, ter un acio de uvas maduras, polo que a xente poxa ata límites insospeitados, acadando o pasado ano a cifra de 250 euros. Estes cartos, xunto a outros obxectos que se poxan, son doados logo á AECC do Porriño. O total de 2025 ascendeu a 635 euros.
“Estas tradicións son parte da nosa identidade”, asegurou o alcalde, Alejandro Lorenzo, durante a presentación, acompañado polo concelleiro de Cultura, Festas e Novas Tecnoloxías, Bienvenido Estévez; representantes da Asociación de Veciños de San Bieito e San Sebastián e representantes do Mano de Santo DJ Festival, que seguen a crecer nestas festas.
Programación musical
Precisamente o Mano de Santo DJ Festival é un dos pratos fortes desta festa, cun cartel que une a Kid Mount, Shameless e Juan Demarco na Praza de San Sebastián este 10 de xullo a partir das 22:30 h. “Queremos unhas festas para todos os públicos e, sobre todo, queremos que a xente moza quede no Porriño para desfrutar delas”, explicou Lorenzo xunto a André Vázquez, o organizador deste evento.
“Kid Mount está considerado unha das voces emerxentes da música urbana de Galicia”, explicou André Vázquez, que destaca que desde 2021 consegue fusionar xéneros como o trap, o reguetón e o hip hop con letras en galego, apostando por un estilo persoal que combina emoción, identidade cultural e sons contemporáneos. Actuará xunto a dous DJs locais cunha forte presenza escénica como son Shameless e Juan Demarco.
Aniversarios musicais
Musicalmente, estas Festas de San Bieito déixannos tamén un fito importante coa celebración do 30º Aniversario da Coral Polifónica EMMUS e o décimo aniversario da Agrupación Musical do Porriño. Será nun concerto que reunirá uns setenta participantes o sábado ás 20:00 h. No caso da Coral, é a herdeira desa gran tradición que hai no Porriño que nacerara da man de Antonio Paz Valverde. No caso da banda, naceu tamén no berce da Escola de Música, pero pronto tomou o seu propio camiño. Unha escola que tamén está de aniversario, xa que foi creada no 96 para dar saída a esas vocacións novas do Porriño que tiñan que desprazarse a Vigo para acudir ás clases ou a Pontevedra para facer os exames.
Ese mesmo sábado actuará, tamén na praza de San Sebastián, a orquestra Salsarena ás 21:30 h, á que seguirá unha sesión discoteca a cargo de Disquetoca e DJ Places a partir das 23:45 h. O domingo, a música estará a cargo da orquestra Miramar, a partir das 21:30 h.
Durante a presentación, resaltouse o espírito participativo das festas, que volven ser un punto de encontro da veciñanza porriñesa e unha cita obrigatoria do verán. Alejandro Lorenzo animou a todos os asistentes “a desfrutar dunhas festas no barrio de San Bieito que combinan o mellor da nosa tradición co espírito alegre e familiar que caracteriza ao Porriño”.
O rexedor tivo tamén un recordo moi especial para Ofelia Méndez Souto, falecida recentemente e unha das veciñas de San Bieito que sempre colaborou coa organización da festa e que sempre acompañaba a Asociación de Veciños nas presentacións.
Actos relixiosos
Os actos relixiosos comezan o xoves 2 de xullo coa subida do Santo á Igrexa logo da misa de nove, e co inicio da novena ás 19:30 h ata o 10 de xullo. O venres 10 haberá misa ás 9:00 h na capela de San Bieito, e o sábado 11 de xullo haberá misas ás 9:00 h de novo na capela, ás 10:00 h e ás 20:00 h na igrexa de Santa María e misa solemne ás 12:00 h tamén na Igrexa con procesión ata a capela.
Programación:
Do xoves 2 ao mércores 9 de xullo
- 19:30 h – Inicio da novena (repítese cada día ata o 10 de xullo).
Venres 10 de xullo
- 09:00 h – Misa na capela de San Bieito.
- 19:30 h – Novena.
- 22:30 h – Mano de Santo DJ Festival (con Kid Mount, Shameless e Juan Demarco) na Praza de San Sebastián.
Sábado 11 de xullo
- 09:00 h – Misa na capela de San Bieito.
- 10:00 h – Misa na igrexa de Santa María.
- 12:00 h – Misa solemne na igrexa de Santa María, seguida da tradicional procesión ata a capela e a posterior poxa das uvas (e outros obxectos) a beneficio da AECC do Porriño.
- 20:00 h – Misa na igrexa de Santa María.
- 20:00 h – Concerto especial polo 30º Aniversario da Coral Polifónica EMMUS e o 10º Aniversario da Agrupación Musical do Porriño.
- 21:30 h – Actuación da orquestra Salsarena na Praza de San Sebastián.
- 23:45 h – Sesión discoteca a cargo de Disquetoca e DJ Places.
Domingo 12 de xullo
- 21:30 h – Actuación da orquestra Miramar para pechar as festas.
O Concello do Porriño convida a toda a cidadanía a participar activamente nestas festas, agradecendo a colaboración da Asociación de Veciños de San Benito e San Sebastián e de todas as entidades que fan posible esta celebración ano tras ano.

