Mos avanza no desenvolvemento de Cebral, con 151.425 metros cadrados de solo industrial

Redacción

A alcaldesa, Nidia Arévalo, anunciou durante unha visita a Noribérica os próximos pasos para impulsar este ámbito empresarial

Mos dará un novo paso para desenvolver o polígono industrial de Cebral, en Petelos, cunha superficie total de 151.425 metros cadrados. A alcaldesa, Nidia Arévalo, avanzou os próximos trámites durante unha visita ás instalacións de Noribérica, entre eles a aprobación inicial do proxecto de expropiación, que será levado á Xunta de Goberno Local.

O ámbito conta cunha ordenación detallada incorporada ao Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), polo que xa están definidas as condicións urbanísticas para o seu desenvolvemento. O sistema previsto é o de compensación, un modelo no que os propietarios que participan na actuación se agrupan nunha Xunta de Compensación para organizar e impulsar a transformación dos terreos.

Esta entidade permite aos propietarios actuar conxuntamente no desenvolvemento do polígono e asumir a tramitación dos instrumentos necesarios. Entre eles están o proxecto de reparcelación, que reorganizará as fincas existentes para crear as novas parcelas resultantes, e o proxecto de urbanización, que definirá as infraestruturas e os servizos necesarios para que poidan acoller actividade industrial.

Deste xeito, para completar o desenvolvemento da totalidade do ámbito, o Concello de Mos aprobará en Xunta de Goberno local o proxecto de expropiación dos terreos cuxos propietarios non se incorporaron á Xunta de Compensación e que afecta aproximadamente ao 30 % da superficie total, uns 45.400 metros cadrados.

Unha vez completados os diferentes trámites e actuacións, Cebral poderá dispoñer de novas parcelas industriais preparadas para a implantación de empresas así como para a ampliación das existentes precisen máis solo industrial. A previsión é que o polígono poida estar a disposición empresarial nun prazo aproximado de 15 meses.

O desenvolvemento contempla tamén a participación municipal no 10 % do aproveitamento edificatorio, que pasará a ser de titularidade do Concello. A intención do Goberno local é destinar este patrimonio a ofrecer espazos para actividades empresariais mediante alugueiros cun canon reducido, facilitando o acceso a instalacións a empresas e emprendedores que queiran iniciar ou ampliar a súa actividade en Mos.

O desenvolvemento de Cebral contempla tamén a cesión dunha parcela de 3.000 m² de reserva para equipamentos municipais, 15.000 m² de zonas verdes e espazos libres e 265 m² de aparcamentos públicos.

A alcaldesa, que aproveitou a visita a Noribérica para reunirse cun grupo propietarios de Cebral, destaca que “queremos seguir creando condicións para que as empresas poidan medrar en Mos e para que outras novas atopen aquí o espazo que necesitan. Cebral permitirá ampliar a oferta de solo industrial e ofrecer novas posibilidades ao noso tecido empresarial”.

Arrufana, unha nova vía para atraer investimento

O Concello de Mos tamén traballa nunha nova iniciativa en Arrufana para facilitar a implantación de actividade empresarial mediante a figura dun Proxecto Industrial Estratéxico da man de Xestur e a Xunta de Galicia.

A actuación está vinculada ao interese dunha empresa por trasladar a súa actividade a Mos, para o que precisa unha superficie aproximada de 20.000 metros cadrados de solo industrial. Esta fórmula permitirá impulsar a tramitación do proxecto e explorar unha nova vía para facilitar a súa implantación no municipio.

Con estas actuacións, Mos continúa traballando para ampliar a súa oferta de solo empresarial, tanto mediante o desenvolvemento de ámbitos xa previstos no planeamento urbanístico como a través de novas iniciativas capaces de atraer investimentos e actividade económica.

Comparte este artigo