O Concello de Mos pon hoxe o punto e final ás Xornadas Multiaventura, unha proposta de lecer estival na que participaron un total de 26 mozos e mozas do municipio.
Ao longo da semana, as persoas participantes gozaron dun completo programa de actividades deportivas e ao aire libre, no que puideron practicar disciplinas como surf, paddle surf, bodyboard e skate, ademais de participar en xogos e dinámicas de grupo orientadas a fomentar a convivencia, o traballo en equipo e o contacto coa natureza. O programa incluíu tamén unha xornada con pernocta no Hotel Bahía de Bayona, unha das experiencias máis agardadas polos participantes.
As actividades desenvolvéronse baixo a supervisión de monitores especializados, garantindo en todo momento a seguridade e o desfrute dos asistentes.
Desde o Concello de Mos fan un balance moi positivo desta edición, destacando tanto a implicación dos 26 participantes como a boa acollida da iniciativa por parte das familias. O goberno local reafirma así o seu compromiso coa organización de actividades de lecer educativo e saudable durante o período estival, ofrecendo alternativas que combinan deporte, aprendizaxe e convivencia.
O Concello quere agradecer o labor de Prado Surf, empresa organizadora, e do equipo de monitores, cuxa profesionalidade contribuíu ao éxito dunha actividade xa consolidada dentro da programación de verán do municipio.

