Mércores 10 ás 19.30 h. Casa das Campás
Baixo o título “Mulleres ao Fronte. Feminismo e política”, o BNG organiza un coloquio coa alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, que será moderado pola exconcelleira de Igualdade do Concello de Pontevedra, Carme Fouces. O encontro terá lugar mañá mércores, 10 de xuño, ás 19,30 na Casa das Campás, coa finalidade de achegar as experiencias políticas de mulleres que ocupan postos de responsabilidade institucional.
A conversa persegue reflexionar colectivamente sobre a situación do feminismo e das mulleres na política e na sociedade; analizar as dificultades para impulsar políticas feministas, e debater sobre os novos retos que afronta o movemento feminista.
Durante o acto, Goretti Sanmartín compartirá a súa experiencia á fronte do Concello de Santiago de Compostela e ofrecerá a súa visión sobre o papel das mulleres na política desde unha perspectiva feminista e nacionalista. A conversa permitirá abordar cuestións relacionadas coa evolución do feminismo nos últimos anos, a presenza das mulleres nos espazos de decisión, os desafíos da xestión municipal e a conciliación entre a vida política e persoal.

