Boa acollida da primeira fase do ARI de Ponteareas

adminON
Lectura mínima de 2

• Once propiedades solicitan as axudas da Área de Rehabilitación Integral (ARI) do Concello de Ponteareas

• O Concello subvenciona o 100% das tres primeiras solicitudes aprobadas

Once propiedades solicitan as axudas da Área de Rehabilitación Integral (ARI) do Concello de Ponteareas na súa primeira fase de implantación, así o informa a concelleira de Urbanismo, Silvia F. Táboas. “Nestes intres as tres primeiras propietarias e propietarios que teñen toda a documentación correcta recibiron a notificación da concesión da axuda e as outras restantes están en proceso de entrega de documentación solicitada para que Concello poida avaliar e resolver”, engade a concelleira.

A estes tres primeiros propietarios concedéuselle o 100% da axuda solicitada  para rehabilitar edificios degradados do centro urbano. A Área de Rehabilitación Integral de Ponteareas engloba 518 vivendas nunha zona de 92.872 metros cadrados organizado arredor da Praza Maior e da Praza Bugallal e na que se inclúen a zona vella e algunhas edificacións contiguas.

“Estas axudas son unha oportunidade e apoio importante para a mellora de 74 edificios residenciais e 133 vivendas unifamiliares que requiren intervencións de mellora pero tamén reverte no resto da vila e da súa cidadanía ao restablecer a beleza das rúas máis degradadas e que deron orixe a Ponteareas”, salienta a alcaldesa, Nava Castro adiantando que o Concello ten aberto xa a segunda fase para presentar solicitudes.

A concelleira de Urbanismo recorda que o Concello de Ponteareas dispón dunha oficina ARI para asesorar e tramitar estas axudas que teñen como obxectivo recuperar barrios do centro urbano para a súa reactivación facéndoos máis atractivos para novos residentes, emprendedores e comerciantes.

“As solicitudes vanse resolvendo segundo se completa a entrega da documentación axeitada, pasando a estar no primeiro lugar da lista aqueles expedientes que teñan  todos os documentos requiridos, podendo entón resolver o Concello”, aporta a F. Táboas.

Comparte este artigo