Carla Pérez foi seleccionada xunto a unha técnica de Brión a través do programa ‘Especialistas en Cooperar’, no que persoal municipal de Galicia emprega as súas vacacións traballando en proxectos do Fondo Galego
“Motívame en xeral o desenvolvemento rural e para min era moi ilusionante o feito de coñecelo noutras realidades; ver o que fan e como o fan, que precisan, que podo deixar e que me podo levar”, explica Carla
“O Concello de Nigrán é un dos poucos de Galicia que financia de xeito directo proxectos de cooperación internacional e somos fundadores do Fondo Galego, así que estamos moi orgullosos”, sinala o alcalde, Juan González, quen precisamente visita esta semana a zona de Tarrafal e San Miguel e mantivo un encontro cos responsables da AECID En Cabo Verde
Cabo Verde suma este mes a dedicación e o coñecemento de Carla Pérez, xefa da brigada forestal do Concello de Nigrán, a prol do desenvolvemento de Tarrafal (localidadade de 18.000 habitantes no norte da illa de Santiago). A técnica municipal finaliza o 25 de agosto case un mes de traballo no arquipélago africano a través do programa Especialistas en Cooperar, impulsado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. “Motívame en xeral o desenvolvemento rural e para min era moi ilusionante o feito de coñecelo noutras realidades; ver o que fan e como o fan, que precisan, que podo deixar e que me podo levar. Creo que é moi necesario saír da rutina e encántame esta posibilidade de poder coñecer de xeito directo e profundo como se vive no rural noutras realidades”, xustifica Carla, quen vive aqui a súa experiencia directa en cooperación internacional. Ademais, persoal municipal de Lugo e Tomiño viaxará en 2025 a Mozambique para apoiar a xestión financeira de dous concellos.
Xunto a Carla Pérez, técnica agrícola, está Lola Landeira, axente de emprego e desenvolvemento local do Concello de Brión. Xuntas desenvolverán a primeira fase dun proxecto a catro anos encamiñado a promover un desenvolvemento económico local sustentable e participativo no Tarrafal. En concreto, realizarán un estudo onde indentificarán os recursos agrícolas e ambientais da localidade analizando necesidades e potencialidades, impartindo capacitacións ou elaborando recomendacións, tendo en conta sempre o enfoque de xénero. “Por exemplo, aquí o problema da seca é tremendo, aínda que existe moito rego por goteo é preciso localizar reservóreos e facer pozos”, explica Carla, quen se encargará, entre outros aspectos, de propor solucións concretras. Desta primeira semana de traballo ten claro o que máis destacar: o traballo brutal da muller. “Estou sorprendida, son as verdadeiras xefas de familia, elas cultiva, elas venden, elas levan a casa… son o motor social e económico pero na economía submerxida e sen poder efectivo, están na sombra”, considera.
“O Concello de Nigrán é un dos poucos de Galicia que financia de xeito directo proxectos de cooperación internacional e somos fundadores do Fondo Galego, así que estamos moi orgullosos de que unha empregada municipal da súa valía esté traballando sobre o terreo para mellorar a vida dos máis desfavorecidos, esa é a verdadeira solidariedade”, sinala o alcalde de Nigrán e presidente do Fondo Galego, Juan González, quen precisamente se atopa esta semana en Tarrafal e San Miguel coñecendo de preto os proxectos do Fondo na localidade, ademais de reunirse con responsables en Cabo Verde da AECID (Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento) xa que ademais, o programa ‘Especialista en Cooperar’ conta co financiamento desta entidade a través da Confederación de Fondos de Cooperación y Solidaridad.
Unha ducia de traballadoras e traballadores de nove concellos presentaron a súa candidatura para participar na terceira edición de Especialistas en Cooperar, tendo preferencia as administracións locais socias do Fondo Galego. Alén da formación e a experiencia, valorábase a vinculación co eido da cooperación e do desenvolvemento sostible.
Cooperación técnica
A cooperación técnica é unha das ferramentas máis potentes e distintivas da cooperación internacional ao desenvolvemento impulsada polos gobernos locais, pois supón aproveitar o know how dos municipios para reforzar as capacidades das administracións públicas e asociacións das sociedades máis desfavorecidas, facilitando respostas profesionais e formación adecuada ás súas necesidades. Ese é precisamente o principal obxectivo de Especialistas en Cooperar, que tamén favorece o intercambio de experiencias e un maior coñecemento da realidade dos países que o Fondo Galego está a apoiar.
A través de ‘Especialistas en Cooperar’ e mais do anterior programa de voluntariado internacional para persoal municipal, ‘Vacacións con Traballo’, desde o ano 2005 un total de 53 empregadas e empregados da administración local teñen colaborado cos parceiros do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade en Nicaragua, Cuba, Perú, Mozambique e Cabo Verde, contribuíndo así á mellora da calidade de vida da poboación e xerando fluxos de coñecemento compartido. A reconfiguración do programa, que se retomou en 2022 tras ficar suspendido por mor da Covid-19, busca potenciar a súa dimensión de cooperación técnica no marco da Axenda 2030 e dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.
O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 112 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur Global e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, o Fondo Galego vén de cumprir 25 anos tendo apoiado uns 200 proxectos en máis de trinta países e promovendo numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur e a Axenda 2030.

