A actuación terá un prazo de execución de seis meses e contará cun orzamento superior aos 240.000 euros, IVE engadido, que se financia a través do Programa +Provincia da Deputación de Pontevedra
O alcalde, Jacobo Pérez, destaca a importancia desta obra, que incluirá a dotación de novos colectores e a construción dunha Estación de Bombeo de Augas Residuais, e que servirá como punto de partida para a ampliación de servizos básicos en Aldea de Saiar
O Concello de Caldas de Reis continúa coa súa folla de ruta para incrementar e mellorar servizos básicos no rural do municipio, algo que redunda nunha mellor calidade de vida para a veciñanza. O alcalde, Jacobo Pérez, confirmou que nas vindeiras datas procederase á adxudicación do proxecto para a dotación de saneamento no lugar de Sequeiros, pertencente á parroquia de Saiar. Trátase dunha actuación moi ambiciosa, que servirá como fase de partida para a ampliación deste tipo de prestacións na
Aldea de Saiar, dando resposta así ás demandas dos veciños e veciñas.
Un total de 10 empresas tomaron parte no concurso de licitación. O investimento a realizar ascende a un total de 240.313,77 euros, IVE engadido. A financiación levarase a cabo a través dos fondos +Provincia, correspondentes á convocatoria 2026-2027, da Deputación de Pontevedra. O proxecto impulsado polo Concello caldense inclúe a instalación de varios tramos de colectores no núcleo rural de Sequeiros.
A maiores, tamén se procederá á construción dunha Estación de Bombeo de Augas Residuais (EBAR), necesaria para enviar os efluentes ao punto de vertedura máis próximo. Jacobo Pérez sinalou que esta actuación prestará servizo a un importante número de vivendas. “Deste xeito, garantimos que a veciñanza de Sequeiros poida acceder ao servizo municipal de recollida de augas fecais”, sinalou. O prazo de execución da obra está estimado en seis meses. Pérez Gulín fai unha valoración moi positiva do labor levado a cabo desde a súa chegada á Alcaldía en materia de dotación de servizos básicos no rural. “Impulsamos varias actuacións nas diferentes parroquias, se ben somos perfectamente conscientes de que aínda queda moito traballo por facer”, apuntou. Precisamente, a pasada fin de semana o alcalde asistiu a unha reunión convocada pola Entidade Local Menor de Arcos da Condesa, na que se deu conta das actuacións levadas a cabo nesta parroquia, así como das que xa están en marcha ou en tramitación. Durante este encontro xurdiron preguntas por parte da veciñanza sobre a situación do saneamento no lugar de Arosa, a aldea do alcalde. Pérez Gulín explicou que “por razóns obvias non imos priorizar esta zona por diante doutras actuacións, nas que se están a seguir os pertinentes criterios obxectivos, nos que se teñen en conta as inversión ou a cantidade de persoas beneficiadas polas obras”. En todo caso, o alcalde garantiu que o Goberno local seguirá traballando para continuar incrementando e mellorando a rede de servizos básicos en todas as parroquias, dando así resposta ás demandas veciñais.

