O Concello pecha a XI Semana da Educación de tomiño coa conferencia de Miriam Al Adib Mendiri, a xinecóloga mellor valorada de España durante tres anos consecutivos
A cita será o xoves 12 de febreiro ás 19.00 horas no auditorio de Goián con entrada de balde
Explorar como a sexualidade non é só unha cuestión física, senón tamén emocional, relacional e social. Iso é o que fará a médica Miriam Al Adib Mendiri na Semana da Educación de Tomiño, que baixará o pano desta décimo primeira edición cunha proposta valente que conecta dous ámbitos inseparables: a educación sexual e a saúde mental.
Considerada como a xinecóloga mellor valorada de España durante tres anos consecutivos, Al Adib pechará o ciclo de charlas deste 2026 (xoves 12, ás 19 h no auditorio de Goián) coa conferencia “A educación sexual: que ten que ver coa saúde mental?”, unha intervención na que abordará a sexualidade desde unha perspectiva integral, poñendo o foco non só no corpo, senón tamén nas emocións, nas relacións e no contexto social no que medran nenas, nenos e adolescentes.
Ao longo da sesión, analizarase como a ausencia dunha educación sexual clara, rigorosa e libre de tabús deixa espazos baleiros que adoitan ser ocupados por mensaxes externas, moitas veces distorsionadas, que inflúen directamente na autoestima, na percepción do propio corpo, na vivencia do pracer e na forma de relacionarse cos demais. Un enfoque imprescindible para comprender o impacto que a educación sexual ten no benestar emocional e na saúde mental da mocidade.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, salientou que “pechamos esta Semana da Educación cunha temática clave, que fala de coidar á nosa infancia e adolescencia desde o coñecemento e a prevención, apostando por unha educación sexual que acompañe, que dea ferramentas e que axude a medrar con máis seguridade e benestar emocional. En Tomiño queremos seguir creando espazos onde se poida falar con naturalidade de temas fundamentais para a vida”.
Miriam Al Adib Mendiri, médica de ascendencia siria e española, é xinecóloga e obstetra, nai de catro fillas, escritora, docente e recoñecida divulgadora. Coñecida polo seu enfoque biopsicosocial e humanista, foi galardoada durante tres anos consecutivos cos Doctoralia Awards como a xinecóloga mellor valorada de España. É ademais profesora no Máster de Sexoloxía da Universidade de Extremadura, autora de diversos libros como Falemos de nós ou Falemos de adolescencia, colaboradora en guías clínicas e membro do comité de 50 expertos do Ministerio de Infancia e Xuventude para a protección dos menores nos contornos dixitais.
Esta conferencia forma parte da XI Semana da Educación, unha cita xa consolidada que converterá de novo a Tomiño nun referente educativo do 9 ao 12 de febreiro, cun programa de catro conferencias impartidas por expertos e expertas de primeiro nivel, todas elas cun eixo común: o benestar emocional e a saúde mental na infancia e na adolescencia. Todas as charlas celebraranse ás 19.00 horas no Auditorio de Goián, con entrada libre, reafirmando o compromiso do Concello de Tomiño coa educación, a prevención e o coidado integral da súa veciñanza.



