Centos de persoas acudiron á cita coa tradición: recadación récord na poxa de San Bieito

Redacción
  •  Centos de persoas acudiron á cita coa tradición no Porriño.

Este 11 de xullo, día de San Bieito, celebrouse unha das datas con máis historia e devoción no municipio. A xornada estivo marcada, un ano máis, polos actos relixiosos e por unha intensa poxa que tivo lugar xusto despois da procesión.

Xunto á imaxe do santo, veciños e veciñas poxaron con entusiasmo, chegando a pagar ata 120 euros polo elemento máis prezado deste día: os acios de uvas. Estas uvas, maduras a principios do mes de xullo, representan o carácter milagreiro dun santo ao que se lle atribúe, sobre todo, a cura de afeccións da pel.

Nesta ocasión, a solidariedade tamén tivo un papel protagonista para axudar na loita contra o cancro e apoiar os pacientes que sofren esta enfermidade, xa que todo o recadado na poxa do Porriño doarase integramente á Asociación Española Contra o Cancro (AECC).

Malia que as uvas son o produto máis tradicional, este ano unha tarta que emulaba a capela de San Bieito tivo un gran éxito entre os asistentes. Grazas á xenerosidade do público, a recadación total da poxa ascendeu este ano a 886 euros.

“É unha das tradicións máis arraigadas do Porriño”, explicou o alcalde da localidade tras participar na procesión e destacar o gran ambiente e a implicación dos veciños.

Pese a intensa calor, foron moitas as persoas as que se quedaron a puxar: aceites, ovos, prantas…. Unha xornada tamén para gozar da música da Coral e da Banda que celebraban o seu 30 e 10 aniversario respectivamente.

A programación continúa 

Sábado 11 de xullo

  • 20:00 h – Misa na igrexa de Santa María.
  • 20:00 h – Concerto especial polo 30º Aniversario da Coral Polifónica EMMUS e o 10º Aniversario da Agrupación Musical do Porriño.
  • 21:30 h – Actuación da orquestra Salsarena na Praza de San Sebastián.
  • 23:45 h – Sesión discoteca a cargo de Disquetoca e DJ Places.

Domingo 12 de xullo

  • 20:00h Consertasso na horta con Brais das Hortas para toda a familia
  • 21:30 h – Actuación da orquestra Miramar para pechar as festas.

O Concello do Porriño convida a toda a cidadanía a participar activamente nestas festas, agradecendo a colaboración da Asociación de Veciños de San Benito e San Sebastián e de todas as entidades que fan posible esta celebración ano tras ano.

Comparte este artigo