Chapela denuncia “o deterioro sistemático” do Centro de Saúde

adminON
Lectura mínima de 2

O Consello Parroquial de Chapela acordou na xuntanza do mes de decembro trasladar á Xunta de Galicia a súa queixa “polo deterioro sistemático” do Centro de Saúde de Chapela. Asociacións e colectivos da parroquia denuncian que a falta de médicos e pediatras é constante, e o Sergas non cubre as baixas ou vacacións dos facultativos. Isto supón longas lista de espera, e a día de hoxe hai que agardar ata 18 días para unha consulta co médico de familia. No caso de pediatría, os días que non hai especialista no Centro de Saúde de Chapela, desde o Sergas non se substitúe a praza e os pacientes son derivados ao Centro de Saúde de Redondela. Isto supón un trastorno para as familias, que se ve obrigadas a facer este desprazamento, e ademais satura o servizo de Redondela, o que deteriora a prestación sanitaria. Os colectivos temen que, ante a próxima xubilación do pediatra do Centro de Saúde de Chapela, esta praza non se cubra e a parroquia quede sen servizo de pediatría.
Representantes das asociacións de Montes, colectivos culturais, asociacións veciñais, deportivas, de empresarios e Anpas acordaron por unanimidade trasladar á Xunta de Galicia esta queixa a través do Concello. A veciñanza reclama unha sanidade pública con medios suficientes e sen recortes, e denuncian a precarización da atención deste servizo público que é fundamental para a cidadanía.

Comparte este artigo