Mosquera: “Este foi o ano máis rocambolesco e estraño que vivín na Deputación de Pontevedra deste que teño lembranzas”

adminON
Lectura mínima de 5

O portavoz do Bloque Nacionalista Galego na Deputación de  Pontevedra, César Mosquera, quixo ofrecer este martes, 9 de xullo, unha valoración do que foi o  último ano da Deputación de Pontevedra co Partido Popular ao fronte do seu goberno. O  deputado provincial quixo ser clarificador desde o primeiro minuto, sinalando que foi “o ano  máis rocambolescto e estraño que vivín na Deputación deste que teño lembranzas”. 

“Quixemos que pasasen estes actos que xiraban ao redor do aniversario para poder ver por onde  ían os tiros e facer unha valoración o máis obxectiva e acaída posíbel”, indicou. “Podo dicir que  este ano só é comparabél ao ano do 2002-2003, cando Abeledo era presidente pero quen exercía  realmente era Louzán cunhas guerras entre eles tremendas, con todo parado e provocando un  auténtico follón”. 

Mosquera explicou que para a análise deste primeiro ano de Goberno é preciso partir da mesma  elección do presidente, cando Marta Fernández Tapias entrou na Deputación “sendo presidenta,  ou exercendo como tal, para logo dar a espantada. Nunca tal vivín”. “Naquela época de cambio  de Goberno foron xestadas varias cousas que aínda hoxe colean e que agardo que se superen  polo ben da institución”. 

Así, dentro deses asuntos, o voceiro provincial do BNG puxo o foco a aprobación do proxecto  para os edificios centrais do Museo de Pontevedra, que quedara listo para a súa adxudicación o  que permitiría o comezo das obras antes de rematar o ano 2023. “O 19 de maio do 2023 foi a  pleno e o PP votou en contra. Non foi unha gran sorpresa: dicían non sei que da conexión  soterrada, que se era era moi cara… tropecientas desgrazas e demais. Hoxe vivimos as  consecuencias: o proxecto está parado e agora nin sabemos realmente que está pasando con el.  O que antes era unha conexión inviábel para a que mesmo colleron sinaturas, agora é algo  ‘innegociábel’ seguindo as súas palabras”. 

O deputado nacionalista lembra que o risco de perder os fondos para esta obra é totalmente  real, máis aínda cando a obra podía estar xa iniciada e en marcha. Doutra banda, Mosquera  lembrou que apenas uns días despois das eleccións municipais -o 30 de maio-, o Partido  Popular remite un escrito á Deputación para que “non se faga nada, que non se tome ningún  acordo pola corporación en funcións. Non di que non se faga nada co que eles estivesen de  acordo, algo que permitiría pensar en posíbeis xuntanzas de portavoces e pensar en gañar  tempo con algúns proxectos… Non, foron claros: non querían que se fixese nada, como é o caso  de Santa Clara”.  

Páxina 1 

Nese sentido, Mosquera ve claro que no caso da rehabilitación do antigo convento había unha  intención clara de paralizar o proxecto. Fía este feito á entrada dunha maioría entre os  populares que tiña en mente parar, revisar e desfacer todo. “Curiosamente, a maioría destes  deputados non tiñan nin idea do funcionamento da institución provincial. Outros, bastantes  máis sentatos, non estaban por este labor”. 

O voceiro provincial do BNG enumerou unha serie de accións ou capítulos que cómpre destacar  ou subliñar, como “o espectáculo coas exclusivas aínda sen aclarar”, a desaparición do Plan  Revitaliza, do Ágora, os cambios na dirección do Museo -anunciaron o ano pasado que ían  nomear un novo consello asesor e aínda non existe- e o concurso para nomear un novo director  -que non se realizou-, o descabezamento da dirección de Infraestruturas… 

“Certo é que esta deriva chegou ao seu punto culminante no pleno do 20 de novembro, con todo  parado, e o único que lles preocupou foi convocar un pleno extraordinario para a amnistía, que  non tiña nin proxecto de lei, o que foi unha ocupación da institución, seguindo as directrices de  Madrid ao pé da letra”, sinalou Mosquera. “Semella que a partir de aí o presidente colleu o  control da situación, máis ou menos, e estabilizou algo, mais as decisións que tomaron  quedaron aí. Algunhas, por sorte, como é Santa Clara, volveron para atrás; outras non lograron  resolvelas”.

Comparte este artigo