Comeza o curso de `Almacenaxe, reposición e atención ao público´ en Ponteareas

adminON
Lectura mínima de 4

A formación está promovida pola Deputación de Pontevedra a través do Programa Emprego Inclusivo e impartida pola Fundación Érguete-Integración en colaboración co Concello de Ponteareas

Este mediodía tivo lugar, no Centro de Desenvolvemento Local de Ponteareas, a inauguración do curso que a Fundación Érguete-Integración levará a cabo este ano en colaboración con este Concello, co obxectivo de formar a doce persoas desempregadas e con dificultades para acceder ao emprego en “Almacenaxe, reposición e atención ao público”.

Ao acto de presentación acudiron a Deputada de Igualdade e Benestar Social, María Sandra Bastos Míguez; a Concelleira de Formación do concello de Ponteareas, Silvia F. Táboas; Sole Costas, responsable do programa Emprego Inclusivo na Fundación Érguete-Integración e Ana Álvarez, directora da entidade, que quixo destacar a oportunidade que esta formación supón para as persoas que participan nela: “Moitas e moitos de vós estades nun momento de transición nas vosas vidas profesionais. Un momento que, aínda que pode xerar incerteza, tamén representa unha oportunidade para crecer e desenvolver novas habilidades. Este curso é esa oportunidade. Cada persoa trae consigo unha valiosa experiencia e un conxunto único de habilidades. O noso compromiso, e o de todo o equipo docente, é axudarvos a potenciar esas fortalezas e a superar calquera obstáculo que se presente no camiño”.

Álvarez sinalou tamén a contribución que esta clase de programas supón a nivel social, dado que “fortalecen o noso tecido produtivo e axudan a crear unha contorna máis xusta e equitativa”. Para finalizar, quixo agradecer a tódalas persoas que fan posible o curso: “ao noso equipo docente e de orientación laboral, polo seu compromiso e profesionalidade; ás institucións que nos apoian, Deputación de Pontevedra e Concello de Ponteareas, pola súa visión de futuro; e ás persoas participantes, por confiar en nós”.
A Concelleira de Formación, Silvia F. Táboas, dedicou, pola súa banda, unhas palabras de agradecemento “ao alumnado, profesorado e técnicos do CDL por traballar cada día para mellorar o presente e o futuro. Dende a concellería consideramos imprescindible aumentar os esforzos en educación e formación de competencias, dar máis importancia á orientación e fomentar o emprendemento”.

Durante os meses de outubro e novembro, as persoas participantes cursarán módulos de almacenaxe e atención ao público, carretilla elevadora e manipulación de alimentos, igualdade de oportunidades ou emprendemento, entre outros. Deste xeito, poderán adquirir as capacidades específicas necesarias para realizar operacións como auxiliares de almacén e venda, desenvolvendo tarefas de recepción ou preparación e expedición de cargas e descargas, ao tempo que traballan na mellora de competencias transversais e habilidades para a procura de emprego. Por último, completarán a súa formación con 80 horas de prácticas en empresas da área, o que lles permitirá exercitar as destrezas e habilidades adquiridas e coñecer de primeira man as oportunidades do sector.

A formación realízase ao abeiro do programa Emprego Inclusivo, desenvolvido pola Fundación Érguete-Integración e promovido pola Deputación de Pontevedra, que ten como finalidade mellorar a empregabilidade de persoas que se atopan en risco ou situación de exclusión social, de xeito que poidan incorporarse ou volver ao mercado laboral, desde un enfoque de empoderamento da persoa e perfeccionamento das súas competencias.

Comparte este artigo