Son 8 chiringuitos que poderán abrir do 1 de xuño ao 30 de setembro e, como novidade, regúlase a celebración de actividades culturais
O Concello de Nigrán abre ata o 24 de abril o prazo de presentación de ofertas para explotar os quioscos de praia este verán, sendo a tempada desde o 1 de Xuño ao 30 de setembro. O número de postos e os prezos mínimos de licitación mantéñense iguais ao ano pasado, oscilando desde os 5.740 € de Patos (un deles) ou os 24.000 € de Praia América. A convocatoria foi publicada no BOPPO número 67 do venres 10 de abril. En total, o Concello oferta 7 quioscos de venda de xeados, refrescos e alimentos (2 en Patos, 1 en Area Fofa, 1 na Madorra, 1 en Panxón e 2 en Praia América) e un de venda de churros en Praia América. A suma de todos os prezos mínimos de licitación dá como resultado 105.367 €, obtendo o Concello o ano pasado 239.712 €, sendo a oferta máis cuantiosa, como é habitual, a de chiringuito de Praia América, adxudicado no 2025 por 54.000 €, máis do dobre do requirido.
Como novidade, este ano o Concello regula nas propias bases a posibilidade de celebrar pequenos concertos ou actuacións, permitindo que se fagan só de xeito gratuíto de mércores a domingo de 21:00 a 22:30 horas e sempre e cando o volume sexa razoable e non molesto para a veciñanza e usuarios da praia, sen posibilidade de instalar escearios ou empregar espazo fora do autorizado ao chiringuito (ao igual que a terraza, que nese día tampouco se pode ampliar fora dos marxes establecidos no plego). En calquera caso, o Concello advirte que non se poden incorrer en condutas abusivas ou limitativas dos dereitos dos usuarios da praia baixo risco de sancións.
Os interesados poden presentar as súas ofertas no Rexistro Xeral do Concello, estando as bases publicadas na sede electrónica da web municipal ou impresas na Oficina de Información Cidadá.

