Comezan as obras de rexeneración urbana de Torneiros cunha inversión de 2,6 millóns

Redacción

A actuación, adxudicada á empresa NAROM S.L. por un importe de 2,63 millóns de euros, transformará de xeito integral o núcleo urbano nun prazo máximo de 14 meses.


O proxecto conta con cofinanciamento dos Fondos Europeos FEDER e do Plan Provincia Extraordinaria da Deputación de Pontevedra


No Porriño arrancaron xa as obras de rexeneración urbana do núcleo de Torneiros. A empresa adxudicataria, NAROM S.L., é a encargada de executar este proxecto adxudicado por un importe total de 2.628.796,95 €, tras obter a mellor puntuación no proceso de licitación pública.

Melloras e prazos de execución
Ademais das actuacións recollidas no proxecto orixinal, a empresa adxudicataria comprometeuse a executar melloras adicionais por valor de 274.949,99 € sen custo engadido para as arcas municipais.

A intervención ten como obxectivo revitalizar o contorno residencial e urbano de Torneiros, mellorando a accesibilidade, a seguridade viaria e a calidade dos espazos públicos para a veciñanza. Así, contempla unha transformación global do contorno público e dos servizos actuais, co fin de elevar a longo prazo a calidade de vida, a cohesión social e a protección medioambiental da zona.

“Con inicio desta actuación damos un paso decisivo para transformar os cinco polígonos de Torneiros, mellorando os servizos básicos e poñendo ás persoas no centro da mobilidade”, explica o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, que apunta que estas actuacións servirán para construir espazos máis seguros, accesibles e verdes, destacando a actuación do Parque Alba onde se incorporará un espazo de lecer con auga para converterse nun “punto de convivencia para todas as xeneracións”. O rexedor visitou a contorna onde se está a traballar acompañado do concelleiro de Vías e Obras, Ramón Porto.

No que respecta á mobilidade, a estratexia pasa por reorganizar o tráfico para conceder prioridade aos peóns. Isto acadarase ampliando as zonas peonís e as beirarrúas, ademais de eliminar obstáculos arquitectónicos para garantir unha accesibilidade universal. Así mesmo, deseñaranse rutas máis seguras arredor dos puntos de maior concorrencia, como o centro cultural Alba, o multiusos de Torneiros e as instalacións educativas.

A intervención contempla tamén a substitución integral do alumeado público por luminarias LED de baixo consumo. Esta medida mellorará a visibilidade e a seguridade nocturna nas rúas, ao tempo que reducirá o gasto enerxético e a emisión de gases contaminantes.

Para rematar, a contorna farase máis acolledora mediante a instalación de novo mobiliario urbano e o incremento de áreas verdes e vexetación. Como complemento a este deseño, construhirase unha zona de auga no Parque Alba, un novo espazo de lecer familiar e deportivo pensado para fomentar o contacto interxeracional e fortalecer a convivencia veciñal. Ademáis instalarase un novo parque nas súas inmediacións recuperando unha zona de 15.000 metros cadrados como zona verde de ocio e lecer.

Financiamento conxunto
A rexeneración urbana de Torneiros está cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e pola Deputación de Pontevedra, a través do Plan Provincia Extraordinaria, cun prazo máximo de execución de 14 meses segundo o proxecto.

Comparte este artigo