O BNG insta ao goberno do Partido Popular a que acometa unha mellora urxente no pavillón de Vilalonga para acabar cos problemas de filtracións e humidade

Redacción

Os nacionalistas denuncian que o Club Sanxenxo Balonmán leva tres semanas sen poder competir nin adestrar nestas instalacións, debido á condensación que padece a pista e que supón un risco para a integridade física dos e das deportistas

Octavio González lembra que o Goberno municipal gastou 300.000 euros hai menos de dous anos para poñer fin a estas deficiencias, algo que non se cumpriu. O Bloque tamén incide no mal estado doutras infraestruturas deportivas con problemas similares, como a piscina municipal ou o pavillón de Nantes

O Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Sanxenxo levará ao vindieiro Pleno ordinario, que se celebará o luns 30 de novembro, unha moción solicitando ao Goberno do Partido Popular medidas para acabar dunha vez por todas cos constantes problemas de filtración de auga e humidade que se rexistran desde hai tempo no pavillón polideportivo de Vilalonga. Todo isto a pesar do investimento de preto de 300.000 euros que o Concello realizou hai menos de dous anos nesta infraestrutura, e que foi vendido polo PP como a solución definitiva aos problemas de illamento e impermeabilización do recinto. “Esa obra non impide que se siga entrando auga no pavillón cando chegan as choivas”, advirte o voceiro nacionalista, Octavio González.

Esta situación está a provocar que o Club Sanxenxo Balonmán leve xa máis de tres semanas sen poder disputar os seus encontros como local nin realizar os seus adestramentos habituais no pavillón de Vilalonga, toda vez que a condensación fai que a superficie estea moi esvaradiza, o que supón un risco para a integridade física dos e das deportistas. “É inaceptable que, tras un desembolso económico tan elevado de cartos públicos, unha instalación municipal deste nivel continúe pechada na práctica para a competición e o adestramento cada vez que as condicións meteorolóxicas son adversas. A veciñanza e os clubs deportivos de Sanxenxo merecen equipamentos públicos seguros, funcionais e executados con rigor técnico, non obras apresuradas para a foto e para as campañas políticas”, precisou González. O voceiro do BNG lembra que este tipo de situacións tamén se están a dar noutras infraestruturas, como o pavillón de Nantes ou a piscina municipal de Baltar, onde, un ano máis, se está a filtrar auga na zona do ximnasio, a pesar das reiteradas queixas de usuarios e usuarias, que foron postas en coñecemento por este grupo ao Goberno local.

Deste xeito, o BNG, a través desta moción, propón que se encargue de maneira urxente aos servizos técnicos municipais, ou a unha empresa especializada independente, “unha auditoría técnica rigorosa que determine con exactitude as causas estruturais, de illamento, ventilación ou impermeabilización que seguen a provocar os problemas de humidade e condensación no pavillón polideportivo de Vilalonga”. O Bloque defende que se acometa “unha obra seria, integral e que dea solución real a estas deficiencias, garantindo unhas condicións óptimas de seguridade e salubridade para a práctica deportiva durante todo o ano”. A maiores, a moción inclúe un punto que defende que se habilite, de maneira inmediata e mentres non se executan as obras definitivas, “espazos alternativos axeitados e en condicións dignas para que o Club Sanxenxo Balonmán e o resto de entidades afectadas poidan desenvolver os seus adestramentos e partidos oficiais sen prexuízos na súa actividade”.

Comparte este artigo