- A actuación forma parte dun proxecto conxunto que, cun orzamento de máis de 105.000 euros, contempla tamén a mellora do asfaltado das rúas Pego, Fernández Areal e un tramo da rúa Cruceiro
O Concello do Porriño informa da finalización dos traballos de renovación do pavimento do Camiño Fontevella. As obras consistiron no fresado e asfaltado desta vía, que conecta a rúa Pío XII co inicio de Fernández Areal.
O estado de conservación do pavimento asfáltico do Camiño Fontevella atopábase deteriorado, o que afectaba á seguridade e comodidade tanto para os vehículos como para os peóns. O desgaste progresivo do asfalto, agravado polo tránsito que soporta a rúa, facía urxente a intervención. Ademais da renovación do firme do camiño, a actuación inclúe o empedrado dun canellón adxacente que se acometerá nos próximos días.
Esta actuación forma parte dun proxecto conxunto que contempla o asfaltado de varias rúas céntricas, como a rúa Pego, a rúa Fernández Areal e un tramo da rúa Cruceiro. Cun orzamento de máis de 105.000 euros, o proxecto abarca en total 570 metros de lonxitude, cun ancho medio de 6,5 metros, o que supón unha superficie total de actuación de 3.700 metros cadrados. O obxectivo é renovar o pavimento destas arterias urbanas, mellorando significativamente a circulación e seguridade no centro.
“O proxecto enmárcase no compromiso do Concello de mellorar a infraestrutura viaria tanto no centro urbano como nas parroquias, especialmente nas súas zonas máis transitadas”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Son moi consciente da necesidade de actuar en moitos viais do concello, a falta de conservación e mantemento durante anos fixo estragos, pero chegaremos a todos e cada un de eles”.

