Comunicado ante a ausencia de PP, PSOE e Grupo Mixto/BNG no Pleno

adminON
Lectura mínima de 4

Hoxe ás 9:18 o PP, o PSOE e o Grupo Mixto asistiron ao rexistro do Concello para presentar a comunicación de que non asistirían á sesión plenaria. Este Pleno Extraordinario convocouse para hoxe ás 9:30 tal e como foi comunicado na mesa de portavocías celebrada o pasado 7 de febreiro, e lembrado na comisión informativa celebrada o 15 de febreiro, onde ningún dos grupos políticos manifestou a súa intención de non acudir.

A convocatoria dos Plenos Extraordinarios é competencia de Alcaldía, non do Pleno. No Pleno de organización desta lexislatura acordouse a periodicidade e horario dos Plenos Ordinarios ás 20:30, incluíndose que tamén os extraordinarios serían nese horario sempre que fose posible. A importancia da temática a tratar, e a urxencia de que as/os proveedoras/es do Concello poidan cobrar canto antes motivou esta convocatoria. Esta é a segunda ocasión en que se convoca un Pleno extraordinario pola mañá, e dende a Alcaldía mantense o compromiso de convocalos en horario de tarde sempre que sexa posible.

Nunca antes se produciu unha situación como a de hoxe nos numerosos Plenos celebrados pola mañá nas anteriores lexislaturas. Chama especialmente a atención que a propia Verónica Tourón se sume a esta deixadez de funcións cando sendo ela Alcaldesa convocou todos os Plenos Extraordinarios en horario de mañá dentro das súas competencias.

Alegan os grupos da oposición que celebrando os Plenos pola mañá non pode acudir a veciñanza. Lembramos que dende fai anos os Plenos retransmítense en directo pola canle de Youtube do Concello, e que as emisións quedan indefinidamente na mencionada canle, polo que calquera persoa pode acceder a elas, sendo máis fácil que nunca presenciar as sesións plenarias. De feito, a realidade é que tamén nas sesións de tarde está asistindo escaso público e o seguimento a través do Youtube é cada vez maior, polo que non se sostén esta xustificación. A día de hoxe o de Salceda é dos poucos Concellos que mantemos a emisión en directo dos Plenos, polo que nunca existiu tanta facilidade e transparencia nas sesións plenarias.

A realidade é que o abandono desta mañá deixa sen posibilidade de cobrar a ducias de empresas e proveedores/as deste Concello, e que a intención da oposición foi a de bloquear o pago de 1.210.363,32€ tentando, unha vez máis, afogar ao goberno a costa de quen traballa para este Concello, co agravante de que moitas desas facturas pendentes de pago son gastos realizados polo PSOE na pasada lexislatura.

O abandono da oposición e a non celebración deste Pleno por falta de quorum fai que a convocatoria quede fixada automaticamente para o xoves á mesma hora tal como establece o artigo 90 do Regulamento de Organización e Funcións (ROF) e o artigo 35.7 do Regulamento Orgánico Municipal (ROM). Dende o equipo de goberno chaman á oposición a exercer a responsabilidade para a cal foron elexidos/as pola veciñanza, e a deixar de empregar a súa superioridade numérica para seguir afogando ao goberno, pois a quen perxudican realmente é a Salceda e á súa veciñanza.

Comparte este artigo