Instrumentos da Memoria, impulsado pola institución provincial xunto coa Fundación Legar, achegou a creación musical autóctona e as tradicións a nenas e nenos de Covelo, Fornelos de Montes, As Neves, Cerdedo-Cotobade, Campo Lameiro, Vilanova de Arousa, Portas, Bueu, Forcarei e Silleda
A Deputación de Pontevedra acaba de clausurar no CEIP de Soutelo de Montes (Forcarei) e no CEIP Ramón de Valenzuela de Bandeira (Silleda) Instrumentos da Memoria. Obradoiros escolares sobre a música de raíz. A deputada provincial Belén Cachafeiro foi a encargada de pechar esta actividade, impulsada xunto coa Fundación Legar para festexar as Letras Galegas, que achegou a creación musical autóctona e as tradicións a nenas e nenos de Covelo, Fornelos de Montes, As Neves, Cerdedo-Cotobade, Campo Lameiro, Vilanova de Arousa, Portas, Bueu, Forcarei e Silleda.
Instrumentos da Memoria trátanse de representacións musicais didácticas, lúdicas, amenas e participativas. Nelas, a institución provincial deu a coñecer ás nenas e nenos cuestións como a historia da música galega e os instrumentos empregados nela, algúns con base na natureza e outros mesmo en ferramentas de uso cotián, así como os xéneros musicais autóctonos. “Os xéneros populares seguen vivos-subliñou Belén Cachafeiro- e debemos preservalos como expresión artística propia, cunha enorme riqueza, e símbolo da nosa cultura e tradicións”.
O principal obxectivo da Deputación de Pontevedra con esta actividade, cunha duración de hora e cuarto, era facer reflexionar aos escolares sobre a creación musical e as tradicións galegas, implicando aos nenos e nenas no proceso de conservación do patrimonio cultural e musical. “O noso folclore é un patrimonio cultural riquísimo e non podemos deixar que se perda, ao igual que a nosa lingua. Temos que coidala, respectala, defendela e, sobre todo, usala porque ten un valor incalculable e é un dos nosos sinais de identidade”, remarcou a deputada provincial Belén Cachafeiro.