Da terra ao mar: unha experiencia para desfrutar cos cinco sentidos en Baiona

Redacción

Baiona acolle unha experiencia gastronómica que pon en valor os sabores de Zamora.

Baiona foi este sábado o escenario dunha proposta gastronómica diferente coa celebración de “Da Terra ao Mar”, unha experiencia que reuniu a máis de 120 persoas ao redor da riqueza agroalimentaria da provincia de Zamora. O éxito de convocatoria, coa capacidade completa, confirma o interese por este tipo de iniciativas que achegan aos público produtos de gran calidade e fomentan o intercambio entre territorios.

Durante a xornada, organizada por Ecoespora, os asistentes puideron descubrir o potencial culinario dos cogomelos gourmet a través dun showcooking elaborado polo chef Jonhatha Garrote, quen sorprendeu cunha proposta creativa que puxo en valor o produto zamorano.

A experiencia completouse cunha maridaxe guiada por David Mendieta, propietario da Adega Castromendi, situada na Serra da Culebra, quen presentou as catro referencias da súa adega e acompañou aos asistentes nun percorrido polos matices e características de cada un dos seus viños.

A degustación contou tamén coa presenza dos zumes naturais Alejandrino, outro dos referentes da gastronomía zamorana, que contribuíu a mostrar a calidade e diversidade dos produtos da provincia.

Desde o Concello de Baiona queremos agradecer a todas as empresas participantes, á organización e ás persoas asistentes por escoller a nosa vila como punto de encontro para esta experiencia gastronómica. Iniciativas como esta contribúen a enriquecer a programación turística de Baiona, dinamizan a actividade local e consolidan o municipio como un destino aberto á cultura, á gastronomía e á colaboración entre territorios.

Baiona segue apostando por acoller eventos que xeran valor, atraen visitantes e converten a nosa vila nun escaparate para iniciativas de calidade.

Comparte este artigo