Concello e asociación suman forzas para facilitar o acceso á vivenda para as persoas con problemas de saúde mental
O Concello de Salceda de Caselas está a ultimar os trámites para alugarlle á asociación DOA Saúde Mental a vivenda municipal dispoñible na rúa Arxentina que durante anos acolleu o servizo de logopedia e pedagoxía. Trátase de impulsar alternativas residenciais comunitarias destinadas a persoas con problemas de saúde mental. Loli Castiñeira, alcaldesa, e Selene González, concelleira de benestar social, visitaron a vivenda xunto coas persoas representantes de DOA para repasar os últimos detalles que permitan poñer en funcionamento este novo recurso nas vindeiras semanas.
A alcaldesa, Loli Castiñera, e a presidenta da asociación, María José Aldao, coincidiron en destacar que “a vivenda é un dereito fundamental e unha ferramenta esencial para a recuperación. Nun momento tan complexo en todo o que a vivenda se refire, que estas persoas teñan un lugar estable e digno onde desenvolver un proxecto de vida é fundamental para falar de integración comunitaria, autonomía ou loita contra o estigma”.
Esta iniciativa inscríbese nun modelo de atención comunitaria que procura favorecer a autonomía, a inclusión social e a participación activa das persoas na súa contorna. Con motivo da celebración do día mundial da saúde mental o sábado 10 de outubro, DOA alerta de que as dificultades no acceso ao mercado residencial constitúen un dos principais factores de incerteza e malestar emocional, afectando con especial intensidade ás persoas con problemas de saúde mental debido tamén ao estigma social existente.
DOA ten dende fai 25 anos unha vivenda tutelada en Salceda de Caselas. Foron anos nos que as persoas usuarias que habitan esas vivendas se converteron en veciñas integradas e queridas pola poboación salcedense. Con este alugueiro social nace unha nova oportunidade residencial, neste caso para cinco homes con problemas de saúde mental, que serán derivados polo SERGAS. Esta oportunidade suporá unha mellora na súa calidade de vida ao facilitar recursos de apoio e integración no propio municipio, contribuíndo a aliviar a carga das familias, a fortalecer as redes de apoio mútuo e a construír unha sociedade máis inclusiva, comprensiva e cohesionada.
Os representantes de DOA agradeceron a implicación do Concello de Salceda de Caselas nesta liña de traballo, ao tempo que o goberno local reafirmou a súa aposta decidida pola mellora do benestar social das persoas e agradeceu o traballo de DOA Saúde Mental durante tantos anos no seu concello facendo que sexa un lugar máis diverso e máis xusto.

