• O líder dos populares afirma que a cidade necesita “un Concello áxil, moderno e eficaz” para dar respostas rápidas aos veciños
• O vencedor das municipais de 2023 reivindica o traballo a pé de rúa da súa formación durante o mandato para “consolidar un proxecto rigoroso, estable e con vocación de goberno”
O presidente local e portavoz municipal do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, reafirmou na sede provincial da formación a confianza dos afiliados no seu equipo para alcanzar a alcaldía nas eleccións municipais de 2027 e poñer fin a 28 anos de goberno do BNG na cidade.
O líder do PP de Pontevedra valorou positivamente a reunión mantida coa Xunta Directiva Local, nun encontro no que se analizaron os principais problemas da cidade e tamén os retos do partido gañador das eleccións municipais de 2023 para os próximos comicios electorais.
“A un ano do exame pola alcaldía, estamos convencidos de que o proxecto do Partido Popular é a alternativa que necesita Pontevedra. Temos un equipo unido, propostas ilusionantes e a determinación necesaria para lograr que o PP goberne a cidade en 2027 e poñer fin a 28 anos de Miguel Anxo Fernández Lores co bastón de mando do Concello”, asegurou.
Durante o encontro, Domínguez abordou as demandas que afectan o municipio e criticou a falta de remuda xeracional do actual goberno local, ao que acusou de manter un “modelo caduco” e “tan afastado das necesidades reais da cidadanía”.
“Pontevedra necesita un Concello áxil, moderno e eficaz, capaz de dar respostas rápidas aos veciños, simplificar trámites e ofrecer solucións útiles aos problemas do día a día. A administración máis próxima ao cidadán non pode seguir instalada na desidia e a inacción de Lores, nin ancorada nun modelo de xestión máis propio do século pasado”, engadiu.
Ante un modelo obsoleto, Domínguez defendeu que o PP representa “a alternativa de xestión eficaz, seria e con ‘sentidiño’ que Pontevedra necesita” e asegurou que o traballo a pé de rúa dos seus concelleiros durante este mandato está a ser fundamental para consolidar “un proxecto rigoroso, estable e con vocación de goberno”.
O presidente local dos populares estivo acompañado pola secretaria xeral do PP de Pontevedra, Pepa Pardo, e polo vicepresidente local, José Benito Suárez, nun encontro que contou coa presenza duns 75 afiliados.

