Domínguez denuncia o abandono que sofren os veciños da rúa Meixoeiras

Redacción

● O líder do PP de Pontevedra comprobou como os veciños viven con pouca iluminación, pistas sen asfaltar e cableado en desuso sen retirar

● A falta de atención do Goberno do BNG a todo o rural de Pontevedra afonda o sentimento de “veciños de primeira e de segunda que se percibe nos veciños das parroquias”

O presidente do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, denuncia o abandono ao que o Goberno de Lores ten sometidos aos veciños da rúa Meixoeiras. Domínguez e o concelleiro Martín Martínez visitaron a rúa xunto a un grupo de veciños que foron amosaron todas as deficiencias coas que teñen que convivir día a día.

O líder do PP de Pontevedra puido comprobar de primeira man como o estado de abandono é total nesta rúa e como as pequenas actuacións que se levan a cabo non cumpren a calidade mínima esixida. Neste sentido, Domínguez verificou como o parcheado que se realizou nas fochancas da rúa logo dunha denuncia previa do Partido Popular atópase xa completamente desfeito, cos restos da mestura asfáltica repartidos polo viario.

Domínguez indica que “unha vez máis nos atopamos ante unha deixadez absoluta do Goberno de Lores, porque os veciños da rúa Meixoeiras síntense totalmente abandonados”. Durante a visita, os concelleiros do Partido Popular comprobaron como na zona existe unha importante suma de cableado en desuso que non se retira e que xa provocou algún incidente en anteriores ocasións que se remediou cunha medida provisional que continúa vixente, sen que por parte do Concello de Pontevedra se tomase unha solución definitiva.

Por outra banda, Domínguez e Martínez confirmaron o necesario que é un asfaltado integral das vías de comunicación que a diario empregan os residentes, non só polas múltiples fochancas que existen, senón porque hai pistas de acceso a vivendas que en pleno 2026 continúan sen asfaltar, ofrecendo aos veciños unha pésima entrada aos seus fogares.

Ademais, hai outros tramos que están moi esvaradíos e xa provocaron algún incidente entre as persoas que realizan os seus desprazamentos a pé. A veciñanza tamén se queixa da escasa iluminación que existe na zona e que provoca que, nestes meses de inverno, os veciños sintan falta de seguridade.

O presidente local do Partido Popular considera que este é un exemplo máis do abandono ao que o BNG de Lores está sometendo a Pontevedra e, sobre todo, ás parroquias do rural. “Non podemos permitir que haxa veciños de primeira e de segunda en Pontevedra dependendo de onde vivan, porque todos pagan os mesmos impostos e, por iso, merecen os mesmos servizos”, engadiu Domínguez.

Desde o Partido Popular destacan que a rúa Meixoeiras, situada nas proximidades do CEIP Vilaverde-Mourente, é unha zona en crecemento e expansión, onde se están construíndo novas vivendas, polo que consideran “imprescindible que o Concello actúe con responsabilidade e dote á zona dos servizos básicos”.

Para Domínguez, o Goberno de Lores xa está esgotado, cansado, polo que se palpa a necesidade de devolver a Pontevedra e aos seus veciños unha atención rápida, consensuada e axeitada, “en resumo, devolverlle a Pontevedra a decencia que o vindeiro 29 de novembro tamén lle devolveremos a España dándolle a presidencia do Goberno a Alberto Núñez Feijóo”.

Comparte este artigo