Domínguez e Pardo critican a “resposta evasiva” do Goberno para seguir coa A-57

adminON
Lectura mínima de 3

• Pardo: “O Goberno de España seguirá adiante cun proxecto que non atende ás peticións dos veciños das parroquias afectadas”

• O PP de Pontevedra ampárase no acordo, alcanzado por unanimidade do Pleno municipal, para solicitar ao Executivo central o estudo de alternativas ao actual trazado da autovía

O portavoz municipal do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, e o seu número dous, Pepa Pardo, criticaron a “resposta evasiva” que recibiron do Goberno de España despois de elevar ao Senado a súa proposición, aprobada por unanimidade no pleno municipal, para instar o Executivo central ao estudo de alternativas ao actual trazado da autovía A-57, do tramo A Ermida-Pilarteiros, para atopar un trazado menos lesivo para os núcleos de poboación de Bora e Xeve, que limite ao máximo o impacto ambiental.

Os dirixentes do PP reuníronse cos representantes das familias afectadas para informais de que, neste ano 2024, trasladaron, á administración responsable do proxecto, dúas preguntas escritas, a través da Cámara Alta.

Na primeira das misivas, presentada o 22 de xaneiro, os populares solicitaron unha resposta ao seguintes tres preguntas: 1. Cal é a data prevista de finalización da execución do primeiro tramo da A-57?; 2. Das 16.600 alegacións presentadas polos veciños e persoas con interese, cantas delas foron respondidas?; 3. Exponse o Goberno a posibilidade dun trazado alternativo ao elixido para a segunda fase da autovía, tal e como solicitan os veciños afectados? Se a resposta é NON, cales son os motivos para non estudar un trazado alternativo?

No segundo escrito, presentado o 29 de febreiro, Pardo amparouse no acordo plenario do Concello para preguntar ao Goberno de España se tiña intención de estudar alternativas ao actual trazado da A-57, tal e como solicitara por unanimidade a corporación municipal de Pontevedra.

As contestacións do Goberno indican que “seguirán adiante” cun proxecto que “non atende ás peticións dos veciños”, lamentou Pardo tras compartir cos afectados o escrito: “O trazado da A-57 é o resultado dunha longa tramitación administrativa que se iniciou co Estudo Informativo da circunvalación de Pontevedra no que se expuxeron diversas alternativas de trazado, que foron obxecto de dúas informacións públicas. (…) Finalmente, resultou da análise multicriterio realizado durante o preceptivo trámite ambiental como alternativa seleccionada a máis próxima á cidade, que é a que foi aprobada definitivamente para o seu posterior desenvolvemento”.

O PP de Pontevedra considera esta resposta reveladora porque no escrito ponse de manifesto a intención do Goberno de España de continuar o proxecto para pesar do acordo municipal. Domínguez e Pardo comprometéronse coas familias de Bora e Xeve a seguir defendendo os intereses das súas parroquias.

Comparte este artigo