O alcalde participa en Río de Janeiro na clausura do proxecto trienal #AcessoCidades en calidade de vicepresidente da Confederación de Fondos de Cooperación y Solidaridad de España e presidente do Fondo Galego
“É unha honra poder achegar neste foro mundial políticas de futuro que en Nigrán xa estamos aplicando, como poden ser as electroliñeiras gratuitas, o Nigranbus, parking-gapp…”, explica Juan González
O Concello de Nigrán amósase unha vez máis ao mundo como paradigma en políticas de transporte sustentable. O seu alcalde, Juan González, participa esta semana en Brasil (Río de Janeiro) na clausura do proxecto trienal #AccesoCidades en calidade de vicepresidente de Confocos (Confederación de Fondos de Cooperación y Solidaridad de España) e de presidente do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. González é o único alcalde español representado nestas xornadas técnicas que se desenvolven desde onte e ata o mércores 21 de febreiro, e na que participan centos de representantes políticos e expertos de Brasil, Italia e España.
A Fronte Nacional de Alcaldes (FNP), a Confederación de Fondos de Cooperación e Solidariedade (España) e a Associazione Nazionale Comuni Italiani (Italia) uníronse para levar a cabo o ‘Projeto AcessCidades: cidades máis accesibles e conectadas’, que pretende cualificar políticas de mobilidade urbana en Brasil baseadas no intercambio de experiencias entre cidades e a formación de municipios no uso de datos abertos para a planificación do transporte, con miras ao desenvolvemento sostible e a loita contra as desigualdades sociais. Neste mesmo marco, o alcalde de Nigrán participou o ano pasado nunhas xornadas mundiais en Curitiba, cidade brasileira considerada a máis sostible do mundo.
“É unha honra poder achegar neste foro mundial políticas de futuro que en Nigrán xa estamos aplicando, como poden ser as electroliñeiras gratuitas, o Nigranbus, parking-gapp…”, explica Juan González, quen inaugurou esta mañá as ponencias tras ter participado onte na visita técnica ao Centro de Operaciones de Río (considerado o máis moderno de toda Sudamérica) e ao terminal intermodal de Gentileza.
O proxecto ‘Acesso Cidades’, levado a cabo ao longo destes 3 anos, permitíu ás diferentes delegacións debatir sobre aspectos como a sustentabilidade financeira do transporte e sobre o sistema que se usa en cada país (peaxes urbanas, impostos a combustibles…), os modelos de operadores, a xestión do transporte público máis aló das propias cidades (zonas metropolitanas), a regulación dos servizos de transporte individual a través de aplicacións, o fomento da mobilidade activa segura (bicicleta, a pé…) ou as facilidades para que os colectivos vulnerables teñan acceso a toda esta rede de servizos. Neste sentido, Nigrán expuxo a través de Juan González as súas políticas ao respecto: electroliñeiras públicas e gratuítas (sendo o municipio de España con máis cargadores por habitante); bonificación de impostos aos vehículos 0 emisións, establecemento dunha liña circular intermunicipal Nigranbus; parkings e leiraparkings disuasorios gratuítos, plan de movilidade vía-bici para fomentar o uso da bicicleta; instalación de paneis ‘metrominuto’ para fomentar os desprazamentos a pé… e en termos de mobilidade accesible, aspectos como a app ‘parking-gapp’ que permite ás persoas con discapacidade ver en tempo real as prazas libres de aparcamento, sinal bluetooth para o que os semáfaros emitan sinais acústucos ao achegarse persoas invidentes…
“O plan de Mobilidade Sostible de Nigrán é ambicioso e estamos convencidos de levalo adiante porque queremos seguir dando pasos de cara a un Nigrán amable coas persoas e co medio ambiente nun contexto de crise climática. Ademais, forma parte das nosas iniciativas de cara a acador os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible desde o local”, engade o alcalde, quen incide en que a mobilidade peonil é a prioritaria seguida da bicicleta, o transporte público e, por último, o vehículo privado.

