- O candidato á alcaldía comprometeuse a resolver os problemas de tráfico e aparcamento, vivenda, limpeza, seguridade e o abandono de barrios e parroquias
- Afirma que un dos grandes proxectos da súa candidatura será a apertura de Pontevedra á ría e a recuperación da Alameda
A Cidade da Cultura, no Monte Gaiás, foi o lugar elixido como epicentro da política nacional, nun acto de presentación de candidaturas no que interviñeron o presidente nacional dos populares, Alberto Núñez Feijóo, o presidente do Partido Popular de Galicia, Alfonso Rueda, ou os candidatos ás alcaldías das sete grandes cidades galegas.
O candidato do PP á alcaldía de Pontevedra, Rafa Domínguez, afirmou que se atopa no seu mellor momento persoal e profesional para chegar á alcaldía despois da vitoria electoral de 2023 e a experiencia adquirida nos tres anos que leva como vicepresidente da Deputación provincial.
“Acepto este reto coa ilusión intacta, coa experiencia necesaria e cun coñecemento profundo da administración e da cidade. Estou preparado para liderar o cambio que Pontevedra necesita”, asegurou.
Durante o seu discurso, Domínguez comprometeuse a resolver os problemas reais de tráfico e aparcamento, limpeza, seguridade ou o abandono dos barrios e das parroquias, garantindo máis investimentos, mellores servizos públicos e unha atención equilibrada en todo o territorio. Igualmente, axilizará as licenzas municipais, incrementará as axudas ás entidades e clubs deportivos e impulsará políticas municipais de vivenda, comezando por dotar á cidade dun Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) do século XXI.
Ademais, avanzou que un dos grandes proxectos da súa candidatura será a apertura de Pontevedra á ría, recuperando esa conexión histórica mediante unha actuación transformadora que contribúa ao desenvolvemento económico, turístico e social da cidade. Do mesmo xeito, quere unha cidade máis verde e para iso será fundamental recuperar a Alameda e que as zonas axardinadas estean ben coidadas.
Finalmente, Domínguez prometeu reforzar de maneira substancial o orzamento destinado aos servizos sociais e ofrecer unha vida mellor ás moitas persoas que viven na rúa. “Quero ser o alcalde de todos, escoitando aos veciños antes de actuar para resolver os problemas e volver situar Pontevedra no lugar que se merece”, concluíu.

