Domínguez impulsará unha evolución do modelo urbano para unha Pontevedra máis verde, humana e accesible

Redacción

• O líder do PP expón un plan para plantar 2.000 árbores; crear unha rede de refuxios climáticos en todos os barrios; ampliar a dotación de bancos, papeleiras e fontes; e completar o modelo peonil con aparcamentos disuasorios de proximidade

• O alcaldable comprométese a “escribir o seguinte capítulo” dun Concello que, nos últimos anos, apostou por obras urbanas nas que predominan “grandes superficies de granito e formigón, poucas zonas de sombra e escasa vexetación”

O presidente local e portavoz municipal do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, presentou unha batería de propostas co obxectivo de impulsar unha evolución do modelo urbano actual, apostando pola renaturalización dos espazos públicos, o incremento do arboredo, a dotación de novo mobiliario urbano e a adaptación ao cambio climático.

Domínguez defendeu que, despois de 27 anos co mesmo modelo, Pontevedra debe afrontar unha nova etapa urbanística que permita mellorar o benestar e a calidade de vida dos pontevedreses, alén de responder os desafíos ambientais das próximas décadas: “Unha cidade máis verde, máis humana e máis accesible”.

O dirixente popular dixo que o PP de Pontevedra non cuestiona o modelo peonil de Pontevedra. “Non queremos volver ao coche. Ese non é o debate. Defendemos o modelo peonil e cremos que debe manterse excepto en contadas excepcións como é o caso de Raíña Victoria”, asegurou, antes de manifestar a súa intención de dar un paso máis que debe consistir en “facer unha cidade máis verde, máis fresca, máis amable e máis saudable, como está a suceder por toda Europa con novos e modernos criterios de deseño urbano”.

Neste sentido, profundou en que “as cidades cambian porque cambian as necesidades de quen vive en elas”, en referencia a cuestións fundamentais como o cambio climático, as ondas de calor, o envellecemento da poboación ou a saúde pública, que fan necesario adaptar o modelo urbano para afrontar os retos da actualidade.

En contra do seu criterio, o Goberno local apostou nos últimos anos por actuacións urbanas nas que se predominan “grandes superficies de granito e formigón, pouca vexetación, poucas zonas de sombra, poucos bancos para sentarse e menos papeleiras”. Ademais, insistiu en que “o urbanismo non debe limitarse a crear lugares polos que pasar. Debe crear lugares onde apeteza quedarse, favorecendo espazos de convivencia e descanso para veciños de todas as idades”.

Como exemplos, citou o caos de tráfico de Michelena en hora punta, o proxecto errado do skatepark de Raíña Victoria, a circulación en zigzag de Ernesto Caballero, o abandono do proxecto da Praza da Liberdade ou a ausencia total de árbores en José Casal e a falta de zonas verdes no barrio residencial de Valdecorvos.

A proposta presentada por Domínguez inclúe un plan para plantar 2.000 árbores de gran porte en rúas, prazas e barrios; aumentar as superficies verdes e permeables; crear unha rede de refuxios climáticos en todos os barrios; ampliar a dotación de bancos, papeleiras e fontes; deseñar os espazos públicos pensando en persoas maiores, infancia e persoas con mobilidade reducida; incorporar criterios de adaptación ao cambio climático en todas as obras municipais e completar o modelo peonil con aparcamentos disuasorios de proximidade.

“O noso obxectivo non é facer unha cidade máis bonita unicamente. Queremos unha cidade que reduza a temperatura no verán, mellore a saúde, impulse o comercio local e faga máis agradable a vida cotiá”, asegurou Domínguez.

O portavoz popular concluíu asegurando que a proposta presentada busca “escribir o seguinte capítulo” dunha cidade que avance e márquese metas ambiciosas pero alcanzábeis. “O futuro de Pontevedra non pasa por máis granito, pasa por máis árbores. Non pasa por rúas máis duras, pasa por rúas máis humanas”, afirmou, antes de pedir a todos os cidadáns a súa confianza para “poñer data de caducidade á ditadura do cemento de Lores”.

Comparte este artigo