Domínguez lamenta que o BNG “só se lembre de asfaltar as rúas do centro, mentres as estradas municipais das parroquias continúan abandonadas”

Redacción
  • O líder dos populares visitou o remate das obras de ampliación da rede de sumidoiros na parroquia de Verducido Fase II (norte): “É incomprensible que, tras un investimento de 1,5M€, o pavimento quedase sen asfaltar, as beiravías sen acondicionar e a transición entre a calzada e as marxes quedase irregular”
  • O portavoz do PP asegura que o Goberno local comete sempre os mesmos erros, ao deixar ao rural fóra do plan de asfaltado: “As parroquias levan 27 anos abandonadas da man de Lores”

O portavoz municipal do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, lamentou este domingo que o Goberno local do BNG “só se lembre por estas datas de asfaltar as rúas do centro urbano, xerando un caos de tráfico considerable pola simultaneidade dos traballos, mentres as estradas municipais do rural continúan completamente abandonadas”.

Domínguez visitou a parroquia de Verducido, acompañado polo concelleiro popular Martín Martínez, para denunciar esta situación e comprobar de primeira man o estado no que se atopa o remate das obras de ampliación da rede se sumidoiros na parroquia de Verducido Fase II (norte).

O Concello de Pontevedra destinou a esta actuación un investimento de 1.527.175,30 euros, “pero resulta incomprensible o acabado final dunha obra deste importe: o pavimento quedou sen asfaltar no percorrido dos traballos, as beiravías permanecen sen acondicionar e existe unha transición irregular entre a calzada e as marxes, ademais de estar invadidas pola vexetación”, explicou o líder dos populares.

O dirixente do PP lamentou tamén que non se habilitase unha pequena senda peonil que permita aos veciños transitar con garantías mínimas de seguridade. Ademais, reclamou ao Goberno local do BNG que actúe sobre o resto dos camiños municipais da parroquia que presenten un avanzado estado de deterioro tras anos de abandono, o continuo paso dos vehículos e a ausencia de mantemento por parte do Concello de Pontevedra.

“Moito anuncio ‘a bombo y platillo’ do plan de asfaltado pero Lores esquécese de das parroquias. O investimento será só para o centro, mentres o rural quédase fóra desta nova actuación. Pontevedra comete unha e outra vez os mesmos erros. As  parroquias están abandonadas da man de Lores despois de 27 anos”, concluíu.

Comparte este artigo