Domínguez: “Sete anos de incapacidade para adxudicar os postos do Mercado certifican o fracaso de Lores”

Redacción

• O líder do PP lamenta a adxudicación de só tres da trintena de postos dispoñibles na primeira planta e que siga languidecendo un dos proxectos estelares do goberno de Lores

• O dirixente popular defende un modelo de explotación xestionado por unha empresa especializada que revitalice e manteña nas mellores condicións o conxunto dos locais: “Un modelo que funciona noutros mercados gastronómicos de España”

O presidente local e portavoz municipal do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, considera que o resultado da última adxudicación dos postos da primeira planta do Mercado de Abastos confirma o “fracaso definitivo” dun dos proxectos estelares do anterior mandato do bipartito.

Sete anos despois da posta en marcha do ‘Gastroespazo’, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e o Goberno municipal volveron a demostrar “que son incapaces de atraer actividade”, asegurou Domínguez, ao lembrar que o último intento do BNG por “revivir” a primeira planta do Mercado volveu a quedarse lonxe das expectativas: só tres novos establecementos abrirán no outono dos 10 postos que saíron a concurso a inicios de 2026 e da trintena de locais que continúan pechados.

“Desde o PP de Pontevedra advertimos, xa en 2019, que o proxecto estaba mal exposto. Cando despois de sete anos só consegues incorporar tres negocios, habendo tantos locais dispoñibles, o problema non é dos hostaleiros e si dun Goberno de Lores que é incapaz de deseñar un modelo de xestión viable e atractivo”, afirmou o líder dos populares na cidade.

Domínguez argumentou que o principal erro na xestión foi a falta de mantemento das instalacións municipais e insistir durante tantos anos nun sistema de adxudicacións individuais que non funcionou. “Se consegues abrir todos os locais xéranse sinerxías, movemento e un efecto chamada. Con tan poucos establecementos abertos o que imos seguir vendo é unha primeira planta desangelada, sen capacidade para atraer visitantes e sen retorno económico despois de realizar un investimento millonario”, sentenciou.

Desde o PP de Pontevedra hase proposto a xestión conxunta de todo o espazo dispoñible na primeira planta do Mercado. “O noso proxecto pasa por adxudicar a explotación a unha empresa especializada que xestione o conxunto dos locais para revitalizalo e mantelo nas mellores condicións. É o modelo que funciona noutros mercados gastronómicos de España”, defendeu.

Para rematar, o dirixente popular pediu que o alcalde dea explicacións aos cidadáns tras anunciar ‘aos catro ventos’ en 2019 que se habilitarían 36 postos na primeira planta do Mercado: “Outro gran anuncio de Lores que termina converténdose nun proxecto fracasado. A xestión do ‘Gastroespazo’ é, por desgraza, un exemplo máis dunha cidade que vai a menos co BNG”, concluíu.

Comparte este artigo