O PP urxe unha mellora integral dos cemiterios municipais

Redacción

● En San Amaro a sinalización continúa a ser deficiente e seguen sen nomear os monumentos patrimoniais máis destacados

● Zonas valadas e apuntaladas, así como conos de perigo levan meses colocados sen que se solucionen as problemáticas

O Partido Popular insta ao Concello de Pontevedra a unha mellora integral dos cemiterios municipais que se atopan nun total estado de deixadez. A concelleira Pepa Pardo e o concelleiro Martín Martínez visitaron os camposantos de Bora, Campañó, Lourizán, San Amaro e Pontesampaio e comprobaron como un ano máis continúan pendentes as peticións que ano a ano trasladan os populares e que continúan a sufrir as persoas que visitan aos seus seres queridos.
“En 2021 solicitamos un plan de mellora integral de todos os cemiterios e hoxe comprobamos como continúan sen sinalizar os principais monumentos en San Amaro, como seguen os sumidoiros atascados, como non se arranxaron os socavóns e como algúns dos cemiterios do rural non teñen auga”, explica Pardo.
“É incomprensible que continúen sin sinalizar os panteóns de pontevedreses ilustres, o cemiterio militar e o resto de xoias arquitectónicas que temos no cemiterio de San Amaro. Tanto os veciños de Pontevedra como os turistas, agora que tan en auxe está o turismo de cemiterios, teñen dereito a coñecer a nosa historia e visitar os monumentos máis destacados.

Os populares comprobaron cómo aínda que se realizou algún bacheado no camposanto de San Amaro, o pavimento continúa sen ser axeitado, posto que en días de chuvia o chan presenta pozas e vólvese esbaradizo. Pardo e Martínez apuntan tamén á “mala imaxe que presentan determinadas zonas do camposanto que están valladas e apuntaladas” ou con conos desde fai tempo sen que se proceda ao seu arranxo, apunta Pardo.

Por outra banda, os populares comprobaron a problemática dos aseos nos camposantos municipais, que non son accesibles a persoas con mobilidade reducida e que presentan un aspecto moi descoitado. Ademais, en San Amaro, as familias reclaman máis aseos na parte baixa do cemiterio.

Os populares tamén recolleron queixas sobre os horarios dos cemiterios municipais do rural, dado que as familias non poden visitar ás súas persoas queridas todos os días da semana.

Por todas estas cuestións, o Partido Popular de Pontevedra considera que “aínda queda moito por facer e moito que mellorar nos cemiterios municipais” e anima ao Concello de Pontevedra e ao Goberno de Lores a que traballe no arranxo dos camposantos durante todo o ano e non só cando se aproxima a data de defuntos renovando algunhas flores.

Comparte este artigo