Escolares confeccionan marcapáxinas na biblioteca Maria Magdalena en homenaxe á escritora mosense

adminON
Lectura mínima de 6

Os cativos recibiron a visita de representantes das administracións autonómica, provincial e local mentres realizaban este obradoiro sobre a poeta da Louriña

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, xunto con demais membros do goberno local e a arquitecta Estefanía Grandal, acompañou hoxe na visita á actividade educativa consistente nun obradoiro de deseño de marcapáxinas sobre a poeta mosense María Magdalena, nas instalacións da Biblioteca Municipal que leva o nome da escritora, ao conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez, e ao presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López. Na iniciativa participou alumnado 1º e 2º de Primaria do CEIP de Petelos.

Durante a visita a rexedora local destacou a “importancia da reforma integral experimentada pola Biblioteca Municipal bautizada co nome de María Magdalena en homenaxe a esta muller, emblema das letras mosenses”.
A casa das letras mosense leva o nome da principal representante das letras de Mos, sendo María Magdalena, gran poeta da Louriña que falecía o 18 de agosto de 2021 aos 99 anos de idade, unha muller de gran valía cultural e persoal.
A Biblioteca Municipal está dotada da obra completa de María Magdalena (cos 17 títulos que escribiu), para que os lectores poidan gozar íntegramente dela.
A súa obra literaria completa está composta por obras en galego-poesía: Alborada do Val da Louriña 1986 (primeira edición), Colleita de soños tristes 1990, Alborada do Val da Louriña 1992 (segunda edición), Retrancas 1993, Sementeira de soños 1994, Amores na lúa 1998, Tempos de chorar 2001, A quen lle dou unha estrela? 2005, Alma de can 2009. Literatura infantil-xuvenil: O baúl das lembranzas, poemas para nenos, 2005. E obras en castelán-poesía: Un nuevo amanecer 1991, Como el manantial 1993, Mariposas de invierno 1994, En él doblaron lanas campanas 1998, Sueños de cristal 2001, Golondrinas en el cielo 2005.
María Magdalena Domínguez Domínguez, gran poeta da Louriña, Medalla ao Mérito do Concello de Mos, faleceu tras unha longa traxectoria persoal e literaria que se prolongou durante case un século. “Toda unha vida de entrega, traballo e creación artística” salientou Nidia Arévalo quen asegura sobre esta muller exemplar que: “foi unha pioneira da literatura, da reivindicación do papel da muller no rural, tanto no ámbito doméstico como profesional, intelectual, cultural e artístico. A poeta de Mos, da miña mesma parroquia, foi unha traballadora e loitadora incansable. Exemplo para min e para tantas mulleres do municipio e da comarca, referente e estela a seguir. A miña máxima gratitude a María Magdalena. O camiño por ela percorrido abriunos portas ás mulleres de xeracións posteriores, polo que as grazas cara a ela son infinitas.”
Pola súa banda o Conselleiro Román Rodríguez, que se incorporou posteriormente á visita, subliñou o imprescindible labor para a veciñanza que presta a Biblioteca de Mos. Así o fixo o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, durante a homenaxe á poeta mosense María Magdalena.
O conselleiro puxo en valor a figura da poetisa María Magdalena, “unha muller pioneira e autodidacta, que baseou a súa traxectoria no interese por ler e por aprender en tempos nos que non existían recursos culturais tan ricos como esta biblioteca”, sinalou. Román Rodríguez quixo neste sentido destacar o labor do Concello de Mos “para ofrecer unha diversa oferta cultural ao seus veciños a través de centros coma esta biblioteca, que é un referente na zona, rendendo ademais unha bonita homenaxe a persoas como María Magdalena”.

No caso do presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, charlou cos escolares sobre a figura da escritora da Louriña e animounos a descubrir os seus poemas, que forman parte dos fondos da biblioteca municipal para que calquera veciña poida consultalos. Neste sentido, o presidente da Deputación destacou que intervencións como esta mellora da Biblioteca de Petelos contribúen tamén a actuar no reto demográfico ao poñer á disposición da cidadanía os recursos que precisan.

A visita desta mañá en Mos completouse cun percorrido pola tamén rehabilitada casa reitoral na que o párroco explicou a historia deste histórico inmoble e puideron departir con veciñanza da parroquia de Petelos.

Biografía de María Magdalena

Naceu en Mos e desde moi nova foi moi afeccionada á lectura, especialmente de poesía e sempre tivo unha gran inquietude por aprender. Aprendeu a ler e escribir grazas á súa nai, ata que empezou a ir á escola. Empezou a escribir poesía e, durante anos, ninguén da súa contorna o sabía. Dedicou moitos dos seus poemas ao seu marido, entre outros ‘Alborada do Val da Louriña’, que tardou 30 anos en publicarse, en 1986. As súas primeiras lecturas e inspiracións, tomounas xa na escola lendo a Rosalía de Castro, con quen quedou moi impactada. Tamén admiradora de Daniel R. Castelao e Álvaro Cunqueiro entre outros. Nunha ocasión participou nunha representación teatral no Porriño, da obra de Castelao ‘Os vellos non deben namorarse’, engadindo ela ao título “das mozas novas”, versión que se segue conservando. O Concello de Mos, no ano 2016 rendeulle unha homenaxe polo seu 94 aniversario, recoñecendo o seu mérito ao ser unha das tres mellores poetas galegas autodidactas.

Comparte este artigo