Éxito de participación na primeira das residencias Artistea

adminON
Lectura mínima de 4

• A 1ª convocatoria das Residencias Artistea péchase cunha vintena de proxectos presentados


• A Residencia terá lugar entre o 11 e o 17 de novembro, no edificio que Artistea comparte coa UNED na Praza Maior

O programa de residencias artísticas Artistea pechou a súa primeira convocatoria cun éxito rotundo, téndose presentado máis de 20 candidaturas para este programa. Recibíronse proxectos de poesía, música, performance e formas híbridas, que nos próximos días serán avaliados polo comité de selección para dar a coñecer neste mes a listaxe provisional de persoas seleccionadas, así como a lista de suplentes.

A alcaldesa, Nava Catro, quere trasladar o seu agradecemento a todas as persoas que amosaron interese en participar e que achegaron as súas propostas. A Residencia ArtisTea encherá de vida a Praza Maior e contorna “ao atraer novos talentos pero tamén recoñecidos creadores que coñecerán a historia e sinais de identidade da nosa vila e deixarán as súas creacións, compartirán coñecementos e establecerán unha relación social e profesional con creadores locais e coa cidadanía en xeral”, explica a alcaldesa.

Artistea

A Residencia Artistea de Artes e Pensamento é unha iniciativa pública, financiada polo Concello de Ponteareas, co obxectivo de fortalecer o tecido social e cultural de vila, enriquecer a comunidade e contribuír a aumentar o corpus de creación e coñecemento sobre a vila e o seu patrimonio material e inmaterial.

As persoas seleccionadas terán acceso entre o 11 e o 17 de novembro a aloxamento con pensión completa no edificio da Residencia (restaurado ex-profeso para acoller estes programas), así como unha masterclass coa poeta escénica e música, premio Martín Códax da Música, Lucía Aldao. Tamén poderán desfrutar de espazos de traballo adecuados ás necesidades das súas disciplinas, seguimento e acompañamento diario dos traballos.

Haberá un máximo de 8 persoas seleccionadas, con 2 prazas que se reservarán con preferencia: unha para persoas con diversidade funcional motora, psíquica ou sensorial debidamente acreditada, e outra para persoas residentes na comarca do Condado.

Residencias artísticas

As residencias artísticas son programas culturais que implican unha colaboración entre artistas e organizacións anfitrioas, institucións ou comunidades. Comezaron a popularizarse a partires de 1960, e desde 2010 son unha parte fundamental para o impulso das carreiras artísticas de creadoras e creadores en todo o mundo.

Estes programas ofrecen aos e ás artistas espazo e recursos para apoiar a súa práctica artística, lonxe das rutinas e restricións da súa vida cotiá.

Ao vincular a práctica das artes e o pensamento cunha localidade concreta, a comunidade que recibe aos artistas e pensadores vése fortalecida. Diferentes estudos demostran que, nas comunidades nas que se insire unha residencia artística, percíbese un aumento da sensibilidade cara ás artes, así coma da cohesión social, o coidado e a creatividade.

A Residencia Artistea é pioneira no territorio pola súa titularidade 100% pública, que inclúe a restauración dun edificio propio con taller de artes plásticas, espazo de gravación e sala de ensaio, así como polo seu carácter inclusivo e con vontade integradora entre as artes e a comunidade.

Comparte este artigo