O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, reclama medidas concretas e recursos para defender os dereitos do colectivo LGBT e combater “con toda a firmeza democrática” o discursos de odio promovidos pola dereita ultraespañolista
A fronte nacionalista denuncia os retrocesos que impón a Xunta do Partido Popular e demanda do Concello “pasar dos discursos aos feitos”
A nivel municipal propoñen a creación dun programa de información e atención LGBT, campañas contra o acoso e a exclusión laboral do colectivo e medidas preventivas contra a LGBTfobia entre a mocidade
No Día do Orgullo LGBT, o Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo chamou a consolidar os dereitos do colectivo e a combater a ameaza reaccionaria promovida pola dereita ultraespañolista. A fronte nacionalista esixe ao Concello medidas prácticas para reforzar Vigo como cidade diversa e inclusiva, fronte á inacción do Goberno municipal e á oposición do PP na Xunta a propostas contra a LGBTfobia.
O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, revindicou o papel pioneiro da cidade olívica, onde hai 44 anos se celebrou a primeira manifestación LGBT de Galiza. “A loita LGBT atínxenos a todas e todos, con independencia da nosa identidade, porque é unha loita en favor da igualdade e en defensa de dereitos fundamentais”, recalcou.
Con ese obxectivo desde o BNG demandan un maior esforzo desde as diferentes administracións para consolidar os dereitos conquistados e para “combater con toda a firmeza democrática” os discursos de odio. Xusto o que se nega a facer a Xunta do PP, sinalan, após votar en contra no Parlamento galego dunha batería de medidas, proposta polo BNG, para combatermos a LGBTfobia nos centros educativos e despois de tentar impoñer unha “falsa e cínica neutralidade ideolóxica” para censurar, entre outros, a causa LGBT no ámbito escolar.
Pasar dos xestos aos feitos
Igrexas denunciou tamén a falla de medidas e recursos a nivel municipal. “Non abonda con pendurar a bandeira arco da vella uns días no Concello, Vigo merece accións concretas e recursos para combater a LGBTfobia”, afirmou criticando o retroceso do Goberno de Abel Caballero, que eliminou parámetros de diversidade nas únicas axudas municipais ás que podían concorrer as organizacións LGBT da cidade.
No concreto, o BNG propón a creación dun programa de Información e Atención a persoas LGBT, con accións de apoio ao colectivo, ás súas familias e campañas de sensibilización dirixidas a profesionais e á cidadanía.
O BNG tamén reclama campañas contra o acoso e a exclusión laboral, especialmente grave para as persoas trans, e medidas de prevención da LGBTfobia en actividades xuvenís e centros educativos. “Demandamos menos discursos e máis recursos, menos xestos e máis medidas en favor da diversidade”, concluíu Igrexas.
Manifestación do Orgullo
A fronte nacionalista participará esta tarde, xunto a súa organización xuvenil Galiza Nova, na manifestación convocada por Avante LGBT e a asociación Nós Mesmas, e que partirá ás oito da tarde da Dobrada. Na comitiva do Bloque participarán o seu portavoz municipal en Vigo, Xabier P. Igrexas, e o deputado no Parlamento galego, Brais Rúanova, xunto a outros cargos orgánicos e institucionais e militancia nacionalista da comarca.